PROMOCIÓN ECONÓMICA

A Praza Roxa acolle o Mercado das Alfaias "para poñer en valor os produtos ecolóxicos e locais e animar a un consumo responsable"

20/06/2024 A Praza Roxa acollerá o próximo mércores o Mercado das Alfaias, un mercado ecolóxico de proximidade impulsado pola Concellaría de Dereitos e SErvizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, en colaboración coa asociación Nonéomesmo e o Sindicato Labrego Galego. Na iniciativa participarán unha ducia de produtores de Santiago e concellos próximos, e haberá tamén degustación de petiscos de restaurantes colaboradores, palestras, e música ao vivo.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe o Mercado das Alfaias, nunha rolda de prensa na que tamén participou Lolo Rey, en representación da asociación Nonéomesmo. A tenenta de alcaldesa explicou que o obxectivo desta iniciativa "é reivindicar o traballo dos produtores, dos labregos e labregas, e a calidade dos seus produtos, das súas froitas e verduras que teñen un valor inmenso desde o punto de vista económico, pero tamén do punto de vista social ou ambiental". Rozas incidiu en que "é preciso apostar por un consumo responsable, pola soberanía alimentaria, e por modelos de produción que son tamén resiliencia fronte ao cambio climático".

As alfaias do produto local

Segundo o diccionario da Real Academia Galega, as alfaias son "obxectos de adorno persoal, pero tamén persoas ou cousas de excelentes calidades, e nesa definición encadran perfectamente os alimentos labregos ecolóxicos e locais". De aí a denominación do mercado, que se celebrará o 26 de xuño, desde as 11.00 ata as 14.30 horas, e no que participarán produtores chegados de Santiago, Brión, Vedra, Boqueixón, A Estrada, Negreira ou Boiro. Ademais, colaboran os restaurantes Bellaco e La Alacena de Cris, que ofrecerán petiscos saúdables feitos con produtos ecolóxicos e locais.

O mercado completarase con palestras sobre a importancia da producción local de alimentos, e con música ao vivo con Kedirán.

Lolo Rey animou a visitar o Mercado das Alfaias, non só aos consumidores, senón tamén e sobre todo a aquelas persoas que poidan ver na produción agraria unha opción de futuro, "porque precisamos apoiar aos labregos e labregas, unha actividade á que non podemos renunciar porque é a que coida e fixa poboación no rural, e é a que garante a protección do medio ambiente".

Compartir: