ALCALDÍA

Goretti Sanmartín participa na Comisión Executiva do Eixo Atlántico celebrada en Lugo

20/06/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou esta mañá na Comisión Executiva do Eixo Atlántico que tivo lugar na cidade de Lugo, onde se inaugurou unha praza co nome da entidade transfronteiriza.

O Eixo Atlántico inaugurou a súa sexta praza pública e a primeira en Galicia. A recente inaugurada en Lugo, aprobada a súa creación no contexto da Capital da Cultura 2023, súmase á de Bragança, Matosinhos, Braga, Vila Nova de Gaia e Viana do Castelo. Trátase dun recoñecemento non só á historia da entidade, senón tamén como símbolo de punto de encontro das cidades galegas e portuguesas. A escultura que preside a praza é un cilindro iluminativo cos dos 41 municipios e deputacións que integran o Eixo Atlántico.

Tras a inauguración do novo espazo urbano, a Comisión Executiva do Eixo Atlántico reuniuse no edifico Impulso Verde para analizar a situación e evolución das infraestruturas, así como dos principais proxecto en curso do Eixo Atlántico. Entre os acordos tomados, a Comisión ratificou a proposta do Grupo Temático de Turismo para que Sarria sexa, en maio de 2025, a sede da VIII Expocidades, a feira de turismo de proximidade. Sarria é un dos municipios de referencia do Camiño de Santiago Francés onde, miles de peregrinos inician os últimos 100km ata Santiago.

Así mesmo, o Grupo Temático de Educación e Cultura aprobou que Viana do Castelo será a Capital da Cultura 2025. Durante 10 meses, de xaneiro a outubro, organizaranse 64 grandes eventos de todas as disciplinas: cultura urbana, música, literatura, gastronomía, cine, arquitectura etc.

Viana do Castelo é un municipio con un patrimonio histórico, arquitectónico, cultural e paisaxístico aberto á diversidade e á mudanza, procurando sempre manter o equilibro entre o pasado e o futuro. É nesta premisa creativa onde asenta a creación artística e cultural. Ser a Capital da Cultura do Eixo Atlántico vai promover a aproximación e a interligazón dos elementos identitarios de Viana do Castelo co Eixo Atlántico.

Finalmente, a Comisión Executiva aprobou a proposta do Grupo Temático de Deportes para organizar en Valongo, no mes de outubro, un seminario de intercambio de experiencias sobre a igualdade de xénero no deporte. ´
Polo que respecta ás infraestruturas, verificouse o compromiso do Goberno de Portugal de manter o calendario da liña Lisboa – A Coruña tal e como foi aprobada pola Asemblea da República, iniciados os procesos previos á construción da liña sen que se producise ningún retraso.

Compartir: