ELECCIÓNS

Sánchez Bugallo anuncia a intención de reeditar o acordo de goberno dos últimos oito anos

28/05/2007 Á vista dos resultados das eleccións municipais do 27 de maio, o alcalde compostelán en funcións, Xosé A. Sánchez Bugallo, comunicou a intención de "reeditar o acordo de goberno entre o PSOE e o BNG" das últimas dúas lexislaturas. Estima que este pacto "administraría a vontade manifestada polos nosos representados".

A reedición deste pacto, dixo, responde á necesidade de "asegurar a gobernabilidade da institución" nunha situación en que "non hai maiorías absolutas". Sánchez Bugallo afirmou que non cre que "haxa obstáculos insuperables" para acadar "nun prazo razoable"o acordo entre as dúas formacións políticas, que renovaría "os anteriores oito anos de goberno progresista". Neste sentido e en referencia ás direccións galegas dos partidos, apuntou que "nesta semana as dúas formacións políticas darán os pasos para impulsar estes acordos" na totalidade de Galicia.

En referencia ao número de cidadáns que acudiron ás urnas, o alcalde en funcións destacou que "o nivel de participación era mellorable". Finalmente, recordou que será o sábado 16 de xuño cando se constitúa a nova corporación.

Compartir: