URBANISMO

Publicado no DOG o anuncio de suspensión cautelar de licenzas e comunicacións previas que protexe o comercio de proximidade

19/06/2024 O Diario Oficial de Galicia publicou este mércores 19 de xuño, tal e como comprometera o goberno local, o acordo da Xunta de Goberno do luns 17 de xuño polo que se procede á suspensión cautelar de licenzas e comunicacións previas de determinados establecementos vencellados ao turismo, así como suspende a substitución de usos comercias por residenciais nos baixos, isto é, non se pode implantar unha vivenda onde agora haxa un comercio.

Cómpre enfatizar que a suspensión de licenzas e comunicación previas non afecta ás que estean en cuso, tal e como se pode consultar no Diario Oficial de Galicia (DOG). A medida publicada hoxe entra en vigor este xoves 20 de xuño. Asemade, hai que subliñar que a categorización á que atenden vén definida no PXOM.

No concreto, a suspensión afecta a:
- implantación de novos usos residenciais na planta baixa en locais onde se viñan desenvolvemento outros usos comerciais (por exemplo, unha froitería non pode pasar a ser unha vivenda);
- implantación de novos usos e actividades de carácter terciario en planta baixa (pero si actividades asistenciais, como unha escola infantil);
- os cambios de uso de actividade nos locais existentes
- modificación das condición ou das características da actividade existente

Pola contra, non se verán afectados pola suspensión os seguintes supostos, relacionados tamén co anterior: no caso das comunicación previas de inicio de actividade cando o local dispuxese da preceptiva licenza de obras para desenvolver a actividade consonte ao previsto no artigo 144.2 do RLSG.

Do mesmo xeito, non afecta esta suspensión no caso das comunicacións previas de primeira ocupación de vivendas, cando xa obtivesen licenza urbanística de execución das obras precisas para o uso residencial.

Tampouco se verán afectadas as actividades (que se pretendan iniciar ou modificar) cando teñen carácter dotacional (como o exemplo da escola infantil), o cal inclúe os ámbitos docente, sanitario, asistencial, sociocultural, institucional-administrativo e deportivo.

Nesta liña, tampouco afecta cando o cambio de actividade --ou a modificación das súas características-- afecte a locais existentes de ocio/restauración, e o uso ou actividade que se pretenda se inclúa no grupo I (restauración) do artigo 112 do PXOM. Esto significa, como ten explicado o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, que si pode transformarse un restaurante en bar e viceversa, pero non poderá cambiarse por unha discoteca.

Outra das excepcións que recolle a suspensión é cando o uso ou a actividade que se pretenda iniciar --ou modificar as súas características-- sexa de oficinas e non teña carácter turístico. Neste punto, tal e como recolle o DOG, especifícase que se consideran de carácter turístico as oficinas de cambio de moeda, as axencias de viaxe, visitas guiadas, free-tours, consignas e similares.

Adicionalmente, quedan exentas desta suspensión cautelar as actividades con algún dos seguintes tipos de establecemento comercial, segundo a definición establecida no artigo 109.2 do PXOM:

• B3 (mercados), como tendas de alimentación

• E1 (proximidade), sempre que os produtos e servizos comercializados sexan de uso frecuente polas persoas residentes, e non estean maioritariamente orientados ao turismo. Por exemplo, poden instaurarse zapaterías

• F2 (de interese sociocultural)

Para os efectos dos puntos nos que si se poden instaurar actividades, as persoas interesadas deberán achegar á solicitude de licenza ou á comunicación previa a seguinte documentación: unha memoria explicativa do tipo de produtos ou servizos que se van comercializar no local, con indicación da súa correspondencia con algún dos tipos sinalados (B3, E1, F2 ou, de ser o caso, oficinas de carácter non turístico); e unha declaración responsable de que só se van expoñer e ofertar no local os produtos e servizos que se describiron na memoria.

O acordo de suspensión entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia. A suspensión previa terá a duración máxima dun ano.

Compartir: