ALCALDÍA

Asinada a addenda que actualiza o financiamento da nova depuradora da Silvouta

19/06/2024 O pazo de Raxoi acolleu esta mañá o acto de sinatura da addenda nº1 ao ao convenio subscrito entre o Concello de Santiago, Augas de Galicia e Acuaes para a execución e explotación da nova estación depuradora de augas residuais da Silvouta. Asinaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, como presidenta de Augas de Galicia; e Rosa Cobo, presidenta executiva de Acuaes. Tamén asistiu o delegado do Goberno, Pedro Blanco, e membros da corporación municipal.

O documento asinado hoxe trátase dunha addenda ao convenio subscrito en novembro de 2021 que pecha e actualiza a colaboración entre as tres administracións que sustentan a nova Estación Depuradora de Augas Residuais de Santiago. A novidade do texto é, por un lado, a actualización dos custos da instalación, unha vez licitadas as obras, que se sitúan en 60 millóns de euros, e, por outro, o cambio nas condicións do financiamento.

En relación con isto, a alcaldesa fixo fincapé na importancia do aumento da achega estatal, "que pasou do 65 % no texto de 2021 a un 80 % nesta addenda, o que significa ao redor de 11 millóns máis con cargo a fondos Next Generation". Goretti Sanmartín congratulouse da sinatura e agradeceu o apoio do Goberno central e da Xunta nun proxecto "que xa se está convertendo nunha realidade material". Dende o inicio, lembrou, houbo "cambios ministeriais, decisións para atoparlle o lugar adecuado, novas propostas tecnolóxicas, e novos programas de fondos. Xa sei que paga máis a pena mirar cara a diante pero da traxectoria deste proxecto todos e todas podemos tirar conclusións para afrontar coa dilixencia, intelixencia e a altura de miras os obxectivos que realmente son importantes para transformar o noso concello e a vida da nosa veciñanza", afondou.

A rexedora cualificou a EDAR coma un "un proxectos imprescindible para devolver á vida o río Sar, tan importante na nosa identidade cultural colectiva e tan necesitado dun tratamento adecuado, que merece o acordo unánime de todas as forzas políticas e a colaboración man a man de todas as administracións". O resultado, indicou, "achegará Compostela aos estándares que corresponden ao século XXI, cando xa non se pode adiar máis unha acción decidida de rexeneración dos nosos ecosistemas".

A rexedora comprometeuse, así mesmo, a "impulsar decididamente as novas redes no ámbito rural e a renovación das existentes no urbano. E, do mesmo xeito que na infraestrutura protagonista desta sinatura, temos a colaboración da Xunta de Galicia, contamos co seu compromiso para continuar traballando nesta dirección". Rematou sinalando que "é imprescindible avanzar na renovación do servizo ao completo, atopando o mellor modelo para xestionar o ciclo da auga, unha necesidade que convertemos en obxectivo principal do Goberno, co que nos comprometemos e no que estamos traballando arreo".

Financiamento

En total dedicarase ao proxecto de execución da EDAR de Silvouta ao redor de 60 millóns, dos que o Estado achegará finalmente un 80% a través de fondos europeos.

Así, a parte estatal pasa finalmente de cubrir o 65% dun total de máis de 56 millóns ao 80% dos actuais 60 millóns. A respecto das previsións iniciais, este novo escenario suporá un aforro de 11,4 millóns de euros para o Concello de Santiago de Compostela.

A Xunta de Galicia non modifica a súa achega, que fixou en 10.826.000 euros procedentes de Augas de Galicia.

O Concello, pola súa banda, xa realizou unha achega de 300.000 euros durante a fase de redacción e tramitación do proxecto construtivo da EDAR e do proxecto da acometida eléctrica. O resto do importe do investimento que lle corresponde ao Concello sitúase en 874.000 euros e terá tamén que afrontar os custos de explotación da EDAR durante a obra.

Obras iniciadas o 14 de febreiro de 2024

As obras da depuradora iniciáronse o 14 de febreiro. Tras rematar a explanación xeral e a montaxe do campamento de obra, centráronse nas escavacións dos recintos do tratamento previo e da decantación primaria.

Finalizadas as obras, a mediados do ano 2026, a nova depuradora permitirá aumentar a capacidade de tratamento actual ata 52.000 metros cúbicos ao día e reducir a carga contaminante de nitróxeno e fósforo.

Licitación do contrato de acometida eléctrica da EDAR

O 25 de abril de 2024, o Consello de Administración de Acuaes aprobou os pregos e autorizou a licitación do contrato das obras da acometida eléctrica da nova EDAR. O orzamento de licitación deste contrato é de 2.123.676 euros e o prazo de 13 meses.

Para dar servizo á nova EDAR prevese unha liña eléctrica de media tensión, que terá unha capacidade de 2900 kW e permitirá asegurar o funcionamento da depuradora tanto na situación actual como na futura.

Trátase dunha liña de uso exclusivo da EDAR de 2,5 quilómetros de lonxitude, con trazado soterrado na súa totalidade, o que proporciona a máxima seguridade de funcionamento e minimiza o impacto visual e as molestias á contorna. Complementariamente, disporase dunha liña de socorro incrementando a garantía de funcionamento da infraestrutura.

Compartir: