CENTROS SOCIOCULTURAIS

O teatro amador volve á rede de centros socioculturais, da man do ciclo "Fegateatro"

18/06/2024 O programa de teatro amador Fegateatro chegará este ano a dez centros socioculturais de Santiago, "ampliando a oferta cultural da rede, contribuíndo á creación de novos públicos e apoiando as compañías de teatro afeccionado". O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, presentou hoxe o programa, nunha rolda de prensa na que participaron tamén a presidenta de Fegatea, Chelo Pampillón, e a súa vicepresidenta Ana María Rodríguez.

A Federación Galega de Teatro Afeccionado, FEGATEA, volverá tomar os escenarios da rede de centros socioculturais, cun total de dez representacións que comezarán o próximo día 21 no centro sociocultural de Lamascal. A última actuación está prevista para o 9 de novembro no Romaño, e antes as compañías de teatro afeccionado tomarán os CSC de Figueiras, Castiñeiriño, Vite, A Rocha, Conxo, As Fontiñas, cidade histórica e Santa Marta. Por eles pasarán as compañías Teatro Escoitade, Atrezo Teatro, Teatro Pesadelo, Fauna 113, Paso de Valverde, Rueiro e Asociación Dramatúrxica Pico do Castro de Foz.

O concelleiro de Centros Socioculturais fixo unha chamada á veciñanza a participar desta proposta, "que tén como obxectivo ampliar a oferta cultural, e contribuír á creación de novos públicos, chegando a espazos que non teñen unha programación teatral estable". Ademais, Xan Duro lembrou que o teatro amador "representa a esencia dos centros socioculturais, cumprindo unha función social e non só artística, creando lazos comunitarios entre todas as persoas que participan nos ensaios e se soben aos escenarios".

Federación Galega de Teatro Afeccionado

A Federación Galega de Teatro Afeccionado, está formada por 67 grupos de toda Galicia. Ao longo da súa historia, FEGATEA afianzouse como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega. Fíxoo organizando e participando de diferentes actividades que fomentan programacións teatrais estables en espazos diversificados, como é o caso dos centros socioculturais de Compostela.

Compartir: