CAPITAL CULTURAL

A danza e a música contemporáneas soben ás táboas do Teatro Principal con ‘Somos’

18/06/2024 O espectáculo da compañía de danza lookathinsdifferent conta con música orixinal do compositor e pianista compostelán Nico Casal, quen a interpretará en vivo nesta representación en Santiago. As entradas para o evento, que forma parte das Xornadas de Música Contemporánea e da programación conmemorativa do Día Europeo da Música, están dispoñibles na web de Compostela Cultura e nos despacho de billetes da Zona C e do Teatro Principal. O mesmo escenario dará acubillo o xoves 20 a un recital no que a Banda Municipal de Música de Santiago presentará en estrea absoluta tres composicións de autores galegos

As Xornadas de Música Contemporánea continúan esta semana con dous espectáculos no Teatro Principal. O primeiro deles terá lugar o martes 18 de xuño ás 20.30 horas da man da compañía de danza lookathingsdifferent e da música en directo do compositor santiagués Nico Casal. Levan ao Teatro Principal Somos, un traballo integrando no circuíto Danza a Escena do Instituto das Artes Escénicas e da Música (INAEM) que convida a apreciar a beleza da arte a través do movemento marcado pola busca persoal, a exploración e a entrega das coreógrafas Carla Cervantes Caro e Sandra Egido Ibáñez. As entradas, a un prezo de 10 € (co 50% de desconto para os colectivos habituais) están xa dispoñibles na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural. Tamén se poderán adquirir no Teatro Principal o propio martes dende unha hora antes do seu comezo.

As XMC ‘Caleidoscopio’ pechan o xoves 20 de xuño ás 20.00 horas da man da Banda Municipal de Música de Santiago co concerto ‘Dende a semente creativa’, un recital integrado, asemade, na programación que ao longo desta semana conmemora o Día Europeo da Música. David Fiuza levará a batuta da formación nun programa con tres estreas absolutas compostas por Xosé Carlos Seráns Olveira, Federico Mosquera e Fernando Ruibal que se completa cunha obra de Juan Fernández Guzmán. A actuación contará coa intervención de dous solistas galegos: o contrabaixista Antonio Romero Cienfuegos e o saxofonista Rafael Yebra. O evento é de balde previa retirada de convites (máximo 2 por persoa) na web de Compostela Cultura, na Zona C e no despacho de billetes do Teatro Principal.

Xornadas de Música Contemporánea ‘Caleidoscopio’

Enmarcadas na programación anual de Compostela Cultura, as XMC concitan as principais entidades culturais da cidade no tecido dunha proposta que pon en valor a música desenvolvida nos séculos XX e XXI nas contornas galega, estatal e internacional e o diálogo con outras formas artísticas. A edición de 2024 é froito da colaboración do Concello de Santiago e o Auditorio de Galicia, coa Deputación da Coruña, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) da Xunta de Galicia e o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música do Ministerio de Cultura. Do 5 ao 20 de xuño e baixo o título xenérico de ‘Caleidoscopio’, convida a gozar dunha programación na que ademais da Banda Municipal de Música e a compañía lookatthingsdiffent, tomaron parte o Ensemble Liberdade e a Joven Orquesta Nacional de España (JONDE) na compaña do Trío Arbós, o Ensemble Modern o clarinetista Joan Enric Lluna e o director Pablo Rus Bruseta.

Compartir: