RURAL

A concelleira Pilar Lueiro dá un pulo ao rural de Compostela coa activación do Consello municipal para este ámbito

14/06/2024 O Goberno municipal de Santiago constitúe no mesmo día dous órganos de participación da veciñanza para escoitar as súas demandas. A concelleira de Rural, Pilar Lueiro, explicou o plan de rozas e avanzou un novo calendario para 2025 e un investimento de 5 millóns de euros para o Ciclo da Auga.

A concelleira de Rural, Pilar Lueiro, presidiu a reunión do Consello Municipal do Rural, un novo pulo ao rural compostelán que pon no foco da acción municipal a dotación dos mesmos servizos ás xentes que viven fóra do núcleo urbano da capital galega. Con esta constitución, á noitiña do xoves, o executivo municipal reactiva no mesmo día dous consellos municipais (Rural e Educación), espazos de participación da veciñanza para escoitar as súas demandas de forma directa.

Pilar Lueiro, acompañada do concelleiro de Facenda, Manuel César, expuxo a modo introdutorio o Pacto polo Rural, que ten como obxectivos prioritarios solucionar as carencias en servizos básicos e asegurar a conservación e mantemento da rede viaria. A tal efecto, comprometeu, como así se vai facer, o destino íntegro para o rural dos fondos do POS da Deputación da Coruña.

Tamén avanzou o compromiso de achegarse ou mesmo superar o 1% de orzamento anual e, neste senso, adiantou que nun convenio próximo a asinar coa Presidencia da Xunta por parte da Alcaldía, introduciuse unha cláusula para investir entre Xunta e Concello un total de 5 millóns de euros, distribuídos 70/30 Xunta-Concello para proxectos sinalados no Ciclo da Auga.

É un primeiro chanzo para ir reducindo a fenda de servizos básicos no rural no que se traballa para desenvolver o investimento de 49 millóns de euros dos que 19 millóns se estableceron como prioritarios.

Renovación de ordenadores e rozas

Pilar Lueiro detallou que está previsto avanzar nunha nova remesa de ordenadores con cargo ao POS adicional dispoñible en redacción, co que quedaría completada a mudanza de ordenadores en toda a rede do rural.

Tamén na súa intervención, indicou que o Concello de Santiago ten previsto un calendario de referencia para o desenvolvemento de dúas rozas anuais nos viarios muncipais. As primeiras delas, será nos meses de maio e xuño, dependendo da meteoroloxía e unha segunda a partir do mes de setembro, na mesma liña que os diferentes concellos do país ou por enriba, xa que os hai que só fan unha única roza ao ano.

O calendario de roza seguía un roteiro determinado desde sur ao norte do Concello. No Consello, a edila anunciou a aceptación da proposta de Ferusa para, a partir do vindeiro 2025, adoptar un novo calendario que vaia no sentido inverso, trocando ano a ano.

O concurso anual de rozas adxudicouse por 790.000 € en varias anualidades (Importe das anualidades 2023: 200.800 €, 2024: 395.000 €, 2025: 194.200 €)

Obras do POS. Plan Único Deputación.

Doutra banda, para este ano 2024 están previstas diferentes accións con cargo ao POS e licitadas este semestre:

- Mellora e acondicionamento do local sociocultural de Enfesta. 84.407 €
- Ampliación da plataforma do viario entre Cañoteira e Outeiro de Marrozos (2ª fase) 356.700 €.
- Mellora e acondicionamento do centro sociocultural de Villestro. 66.105 €.
- Pavimentación do núcleo interior do lugar de Pedrido (Villestro) 144.899 €
- Pavimentación do lugar de Vilamaior (Sabugueira) 323.527 euros.
- Pavimentación dos lugares de Bar de Arriba e Bar de Abaixo e Rúa dos Asidros.. 175.800 €.
- Ampliación da rede de saneamento na Rúa do Coto dos Olmos (parroquia de
Bando). 96.174 €.
- Rexeneración do pavimento de calzada da Rúa do San Martiño (Aríns) / Fase I 287.372 €.
- Parque infantil no espazo socioeducativo de Rial no lugar de Reibó (parroquia de
Laraño). 103.305 €.
- Pavimentación da Rúa das Baleixas (Marrozos). 47.231 euros.

Nova Ordenanza para a protección dos viais do rural nas cortas de madeira

Por último, a concelleira sinalou que, por mor das queixas recibidas de varias asociacións veciñais, estase a traballar nunha nova Ordenanza que completa a existente sobre os estragos nas vías públicas. O obxecto desta Ordenanza é protexer os camiños municipais en relación cos danos e deterioracións que poidan sufrir como consecuencia das operacións de corta, depósito, carga e transporte de madeira no termo municipal, a regulación dos lugares de depósito, almacenamento e carga da madeira, así como a esixencia da responsabilidade polos posibles danos producidos neles.

Compartir: