DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

O Concello súmase á celebración do Día Nacional das Linguas de Signos coa lectura dun manifesto

14/06/2024 Hoxe, 14 de xuño, celébrase o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas e con tal motivo deuse lectura a un manifesto na praza do Obradoiro nun acto organizado pola Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela ao que asistiron os representantes de todos os grupos municipais: Míriam Louzao (BNG), María Rozas (CA), Olaya Otero (PP) e Sindo Guinarte (PSdG), así como a presidenta da entidade, Fátima Granja.

O manifesto, que foi lido pola presidenta da Asociación de Persoas Xordas de Santiago, Fátima Granja, recorda que "existen miles de linguas no mundo. Linguas que perviven e conviven para garantizar o pleno desenvolvemento das comunidades lingüísticas e as culturas coas que se identifican. Linguas que se len, que se escriben, que se falan, que se signan. Que reforzan a diversidade lingüística da nosa sociedade e a enriquecen. Linguas diferentes con idéntico valor."

O manifesto destaca que, a pesar dos avances, "as personas xordas seguimos atopando barreiras que atentan contra a nosa dignidade e nos limitan" tanto "en materia de empleo", no "acceso a la información" como no "ámbito educativo" e fai un chamamento "aos diferentes gobernos para que asuman a súa responsabilidade no que á protección e promoción das linguas de signos españolas se refire".

Por todo isto, o manifesto apela a "impulsar medidas de accesibilidade lingüística que garantan que calquera persoa xorda poida execer de maneira libre o seu dereito a usar a lingua de signos, a recibir educación en lingua de signos, ou a ser atendida en lingua de signos" e a "fomentar actitudes de respecto á diversidade que nos permitan elixir de maneira libre, sen imposicións nin restriccións de ningún tipo, como comunicarnos" polo que é "necesario sumar esforzos" xa que "o futuro das nosas linguas e a súa prosperidade dependen do apoio que se lles brinde".

O Consello de Ministros fixou hai 10 anos o 14 de xuño como Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, coincidindo co mesmo día do 1936 no que se constituiu a Confederación Estatal de Personas Xordas, principal axente catalizador na defensa do dereito a usalas e aprenderlas.

Documentos relacionados



Compartir: