DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

O Encontro Artes pola Integración regresa a Santiago na súa XIII edición

13/06/2024 Santiago e A Coruña comparten este ano a programación do XIII Encontro Artes pola Integración, que regresa á capital galega despois de varias edicións tendo á cidade herculina como única sede. O festival, que se desenvolverá entre o 19 de xuño e o 6 de xullo, utiliza as artes escénicas como vehículo de integración e vertebración social e como ferramenta para visibilizar proxectos e persoas con diferentes capacidades, moitas veces excluídas socialmente. O programa conta co apoio da concellarías de Capital Cultural e de Dereitos e Servizos Sociais.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, foi a encargada de presentar a programación do XIII Encontro Artes pola Integración, acompañada pola súa directora artística, Carlota Pérez. Na rolda de prensa tamén participou a responsable de Cultura na Deputación da Coruña, Natividade González. A tenenta de alcaldesa mostrou a súa satisfacción "porque o festival volva estar centralizado en Santiago, ainda compartindo sede coa Coruña, dentro da vocación de Compostela por ser a capital da cultura, da integración e do benestar social de Galicia". Rozas loubou "non só a calidade artística do programa, senón sobre todo o traballo que ao seu abeiro se desenvolve con persoas con diferentes capacidades, demostrando que o talento artístico non entende de exclusións".

Artes pola Integración é un festival de transformación social a través das artes, que botou a andar en 2012 para visibilizar proxectos de comunidades afastadas ou de persoas "con diversidades funcionais, moitas veces excluídas socialmente, e con talentos artísticos non comúns". O encontro desenvolveráse en espazos escénicos, pero tamén na propia rúa ou en espazos institucionais, que acollerán diferentes proxectos artísticos tanto de orixe local como estatais e internacionais. Ademais, haberá xornadas de reflexión e debate, así como diferentes actividades formativas.

Programación en Santiago

O XIII Encontro Artes pola Integración comezará o próximo mércores, 19 de xuño, no Auditorio de Galicia. Alí poráse en escena un adianto da obra "Cerebrartes", un proxecto financiado pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais no que Carlota Pérez leva traballando desde comezos de ano cun grupo de 20 rapaces e rapazas, e que pretende explorar a danza e o teatro desde o punto de vista da neurociencia. Varias das persoas que participan desa experiencia estiveron tamén hoxe na rolda de prensa. A montaxe íntegra, coa participación tamén da Banda Municipal de Música, poderase ver no mes de outubro. A esta peza seguirálle unha proposta da compañía catalá Promena. Xa no 22 de xuño, o hall do CGAC acollerá outra proposta da compañía Experimentadanza, co título de Tuétano.

O 6 de xullo, o XIII Encontro Artes pola Integración aterrará no centro sociocultural Maruxa e Coralia, cunha mostra de videodanzas en colaboración co Fiver Dance Film Festival, a proxección do documental "Tres mujeres", de Alexis Delgado. A xornada completarase cunha mesa de debate baixo o epígrafe "Territorios que crean", na que se presentarán diferentes proxectos como a Rede Aldear, Museum&Me ou a escola Waldorf Meniñeiros de Friol; e na que intervirán a arteterapeuta e artista disciplinar Rebeca Ponte; a xerente da rede museística de Lugo, Encarna Lago; o psicólogo Vicente Galaso; a bailarina e coreógrafa Nuria Sotelo; ou Carlota Pérez e Jordi Cortés, da asociación Diversos.

Tamén na tarde do 6 de xullo está previsto un concurso de pezas para a counidade, que se desenvolverá no parque de Bonaval e que estará presentado por Adriana Paulos. Poderán participar grupos de entre unha e 5 persoas, nos que algún dos seus integranes teña recoñecida unha discapacidade física ou psíquica. Haberá dúas pezas galardonadas, e recibirán premios de 500 euros cada unha delas.

Por último, desde o 15 ata o 30 de xuño poderase visitar no CSC Maruxa e Coralia a exposición "A pequena Bauhaus", un proxecto de deseño e artesanía protagonizado por nenas e nenos de 9 a 14 años e no que recoñecidos artísticos realizan obradoiros para compartir o seu traballo.

Malia o seu regreso a Santiago, o programa do XIII Encontro Artes pola Integración mantén tamén a súa sede na Coruña. Así, o 21 de xuño haberá dúas propostas, no Auditorio Forum e no teatro Rosalía de Castro; e para o 7 de xullo está prevista unha nova sesión do concurso de pezas para a comunidade, nos xardíns de Méndez Núñez.

NOTA: O espectáculo 'Tuétano' previsto para o sábado 22 de xuño ás 18:00 horas na prisión de Teixeiro, celebrarase finalmente no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago na mesma data e hora.

Compartir: