PROMOCIÓN ECONÓMICA

Comeza a selección de alumnos para o curso de carpintería de Promoción Económica e Emprego

25/05/2007 A Concellaría de Promoción Económica e Emprego levará a cabo, os días 28 e 29 de maio o proceso de selección de alumnos para o curso de carpintería. Esta actividade formativa, incluída no Plan FIP (Formación e Inserción Profesional), está destinada a persoas desempregadas. Ademais, durante toda a semana, continuará o proceso de selección de alumnos do curso de cantería, oficio no que se rexistra unha alta demanda laboral.

En 2006, o 70% dos alumnos que realizaron o curso de cantería atoparon traballo, e o mesmo pasou co 60% dos inscritos en carpintería. Os interesados no proceso de selección poden achegarse polas instalacións da Concellaría de Promoción Económica situadas na porta 9 do Multiusos de San Lázaro (Avda. Fernando Casa Novoa, 20) en horario de nove da mañá a dúas da tarde.

O curso de carpintería contempla dous módulos transversais, "Formación para a Igualdade" e "Habilidades comunicativas en galego para o mundo laboral", e outros dous módulos da propia actividade formativa. Son "Mecanizar pezas de madeira e taboleiros" e "Realizar montaxe en taller de elementos de carpintería". En total serán 540 horas lectivas. Está previsto que as clases comecen o 4 de xuño e rematen o 18 de outubro.

O curso tamén ofrece a posibilidade de realizar prácticas en empresas por un período dun mes. Ademais, os alumnos que asistan ás actividades formativas do Plan FIP pero que non logren insertarse laboralmente seguirán recibindo o apoio da Concellaría. Poderán acollerse aos Itinerarios Personalizados de Inserción Laboral, a través dos que recibirán a orientación e a axuda precisa de titores especializados sobre cómo acceder ao mercado laboral. Os cursos de carpintería e cantería están homologados pola Xunta de Galicia, e foron concedidos pola Consellería de Traballo á Concellaría de Promoción Económica xunto ás actividades formativas de fontanería, instalador de sistemas de enerxía solar térmica, e xardinería.

Compartir: