CIDADES PATRIMONIO

Goretti Sanmartín presenta en Suíza a oferta de turismo cultural do Grupo Ciudades Patrimonio

12/06/2024 A alcaldesa de Santiago e vicepresidenta do Grupo salientou a singularidade das 15 cidades que representadas, asegurando que "en conxunto ofrecen un percorrido único e extraordinario a través da historia, da arte, do territorio, do coñecemento e da diversidade cultural e lingüística". A presentación tivo lugar na cidade de Zúrich, da man de Paradores e Turespaña, ante máis dun centenar de profesionais, incluídas axencias de viaxes, empresas do sector de reunións e congresos e medios especializados

A vicepresidenta do Grupo e alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, presentou a oferta turística e cultural das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade en Zúrich onte pola tarde, nun acto ao que asistiron más dun centenar de profesionais de axencias de viaxes, empresas do sector de reunións e congresos, así como medios especializados. No marco desta acción conxunta con Turespaña e Paradores, a vicepresidenta do Grupo destacou a singularidade das cidades que conforman o Grupo, asegurando que "en conxunto representan un percorrido único e extraordinario a través da historia, da arte, do territorio, do coñecemento e da diversidade cultural e lingüística". O acto contou coa asistencia do Cónsul General de España en Zúrich, Francisco Rabena; do Consejero de Turismo en Zúrich, Horacio Díaz del Barco, e do Director de Ventas de Paradores, Juan José González. A alcaldesa de Santiago de Compostela acudiu a esta cita en representación do actual presidente del Grupo e alcalde de San Cristóbal de La Laguna, Luis Yeray Gutiérrez.

"As nosas 15 cidades conforman un percorrido xeográfico que implica unha diversidade e unha riqueza inmensa en canto a aspectos como a paisaxe e o clima, mais tamén en aspectos como as influenzas culturais ao longo da historia, a gastronomía ou o idioma" explicou a alcaldesa compostelá, antes de engadir que "visitar as 15 cidades ofrece a posibilidade de adentrarse en lugares únicos no mundo que, tal e como recolle a declaración da Unesco, teñen un carácter excepcional polo seu carácter universal e constitúen unha fonte irremprazable de vida e de inspiración".

Neste sentido, lembrou que un os obxectivos do Grupo "é o respecto e a promoción do patrimonio xunto coa concienciación e a sensibilización para camiñar cara a un turismo sustentable". Ao remate do evento, Goretti Sanmartín asegurou que "o sector profesional suízo demostrou ter un interese real por un turismo que sexa diferente, que sexa consciente da importancia da riqueza cultural nun sentido amplo dos lugares que visita e por tanto un tipo de visitante que sexa unha persoa respectuosa co estilo de vida coa comunidade local". Un tipo de turismo, engadiu "que se corresponde coa filosofía de turismo sustentable que defendemos, que antepón ante calquera outro tipo de criterios a responsabilidade social e a preservación da autenticidade cultural dos destinos visitados".

Pola súa banda, en representación de Paradores, interveu o Director de Ventas, Juan José González, que puxo de manifesto que "Paradores é a mellor maneira de coñecer España en toda a súa intensidade, a través de 98 edificios que permiten vivir experiencias singulares como durmir en mosteiros; conventos ou castelos, que en moitos casos son edificios declarados Ben de Interese Cultural, pero tamén formar parte de contornas naturais marabillosas, gozar da gastronomía e do noso estilo de vida. Nos nosos Paradores en si xa son o destino, ademais das 15 cidades Patrimonio da Humanidade. Ofrecemos unha vivencia de cultura e cos máximos niveis de calidade e exixencia, xunto ao selo inconfundible, que é a nosa aposta pola sustentabilidade ambiental, económica e social.

Datos do mercado

O Estado español mantén o seu liderado como un dos territorios vacacionais da cidadanía suíza. En 2023 viaxaron ao Estado español un total de 2 millóns de turistas suízos. Os datos por persoa e día ascenderon en 2023 a 1.107 € e 142 € respectivamente e a estadía media situouse en 7,8 noites. Os datos de 2023 reflicten a tendencia de crecemento con respecto a 2022, tanto en chegadas (21,3%) como en gasto total (19,1%) e supoñen ademais un incremento sobre os niveis prepandemia. Cabe destacar que, aínda que a demanda de praias figura entre os principais intereses do turismo suízo (66%), séguenlle moi de preto no ranking actividades como a visita a cidades (64%) e as compras (56%).

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España chega ao seu 30 aniversario co obxectivo de actuar de maneira conxunta na conservación, posta en valor e promoción turística das 15 cidades do Estado español recoñecidas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Compartir: