CENTROS SOCIOCULTURAIS

A biblioteca municipal José Saramago celebra o seu XXV aniversario afondando na obra do Nobel portugués

11/06/2024 O CSC José Saramago de Vite acollerá este mércores 12 e xoves 13 de xuño, varias actividades arredor do escritor portugués José Saramago para conmemorar os 25 anos de vida da rede municipal de bibliotecas que leva o seu nome. O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, e varios membros da Corporación municipal, asistirán mañá pola tarde á inauguración da exposición "Voltar aos passos que foram dados". O programa tamén ofrecerá un relatorio e unha proxección dun filme con coloquio posterior sobre a obra do Nobel luso.

A rede de bibliotecas José Saramago dos Centros Socioculturais celebra o seu 25 aniversario ofrecendo á cidadanía un programa de actividades arredor da figura do autor luso que arrancará ás 17:45 horas de mañá mércores, coa inauguración da exposición "Voltar aos passos que foram dados" no CSC de Vite.

Con selección e composición de textos de Carlos Reis e Fernanda Costa, e deseño de André Letria, esta exposición fai un "percorrido" pola biografía de José Saramago. "Volver aos pasos que se deron" ten como finalidade a difusión e a orientación pedagóxica, permitindo un contacto de iniciación ou repaso coa literatura e o pensamento saramaguiano

Completarase a xornada coa entrega de premios do concurso "Bookface" ás 18:20 horas e cun relatorio sobre José Saramago, a cargo do experto Carlos Quiroga.

O programa pecharase este xoves, 13 de xuño, coa proxección do filme "A cegas", baseada na obra "Ensaio sobre a cegueira", que estará seguida dun coloquio. Nominada á Palma de Ouro á mellor película no festival de Cannes 2008 e á mellor película no 41 Festival Internacional de Cinema de Cataluña-Sitges 2008, onde acadou o premio a mellor deseño de produción e o premio do público.

Rede consolidada

As bibliotecas dos centros socioculturais de Vite, Conxo, Fontiñas, Santa Marta, Ensanche e Cidade Histórica, agrúpanse baixo o nome de Biblioteca José Saramago, e contan na actualidade con arredor de 6.000 persoas usuarias. En funcionamento desde 1999, o seu obxectivo é o de fidelizar os seus usuarios e usuarias e atraer novos públicos.

Compartir: