CAPITAL CULTURAL

Últimos días para visitar a mostra #Punctum. Beliscos de BD na arte contemporánea galega

11/06/2024 A exposición con traballos de artistas da BD e o fanzine galego como Maru Astray, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa, Xulia Pisón e Pepa Prieto Puy conclúe este domingo, día 16 de xuño. Situada na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, pode ser visitada de balde todos os días da semana, de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas.

O Auditorio de Galicia clausura o vindeiro domingo, día 16 de maio, a exposición #Punctum. Beliscos de BD na arte contemporánea galega despide esta semana. Unha mostra comisariada por Íñigo Rodríguez Román que pon a dialogar os traballos de creadoras galegas de banda deseñada e fanzine para dar conta do seu potencial artístico e discursivo.

Maru Astray, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa, Xulia Pisón e Pepa Prieto Puy amosan no espazo expositivo do Auditorio propostas heteroxéneas que abordan temas, códigos e desafíos estéticos ben actuais. A cotiandade, a saúde mental, o ecoloxismo, o humor, as relacións familiares, a precariedade laboral ou a igualdade de xénero atravesan os traballos destas seis creadoras galegas que conforman esta exposición colectiva marcada pola pola diversidade de fórmulas e de ollares.

A mostra é un convite a recoñecer e repensar propostas formais e discursivas menos estandarizadas, na periferia dos circuítos expositivos máis convencionais. Cómics, portadas, axendas, carteis, cerámicas, adhesivos, e mesmo bicicletas conforman esta compilación de obras de creadoras que elaboran as súas narrativas desde a plena conciencia do artístico en traballos que toman o fanzine como ferramenta expresiva primixenia. É na autoedición gráfica onde experimentan sen complexos xerando esquemas expresivos e estéticos audaces e persoais, que formalmente van dende as propostas máis conceptuais ata códigos estéticos universais.

Ao tempo, a exposición garda tamén lugar para a homenaxe a festivais e movementos de autoedición galegos activos na actualidade como Fun, fun fun movidote de autoedición (Santiago Compostela), VaiaVaia (Lugo) e Autobán (A Coruña), a outros anteriores como No tengo mamá (Vigo) e a publicacións históricas como Xofre ou Barsowia. Ademais inclúe un espazo para a lectura libre de fanzines e unha sección ‘BD exquisita’ composta polos debuxos que persoas visitantes foron deixando ao seu paso pola Sala Isaac Díaz Pardo e que agora ocupan as paredes da sala.

Poderá ser visitada sen necesidade de reserva de luns a domingo, en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. O xoves 13 de xuño, por mor do concerto que a Real Filharmonía de Galicia ofrecerá no Auditorio para a presentación da nova temporada, o acceso á mostra pechará ás 19 horas.

Mulleres en cadriños

#Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega é o corazón do programa de actividades ‘Mulleres en cadriños, dirixido por Neves Rodríguez e concibido para pór en valor o traballo das mulleres galegas dentro da banda deseñada. Nos meses de abril e maio levou a Zona C da praza de Cervantes 2 obradoiros para a rapazada, e 4 encontros e conversas con artistas dirixidas tanto ao público familiarizado co mundo da BD e da gráfica fanzineira como a todas aquelas persoas que comezan a descubrilo. Alén de Maru Astray, Julia Lago, Uxía Larrosa, Bea Lema, Xulia Pisón e Pepa Prieto estas actividades contaron coa participación da investigadora María Gil Martínez, o colectivo artístico Los Bravú, e a xornalista Elisa McCausland.

Compartir: