SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL

Constitúese a Comisión especial para mellorar a xestión do ciclo integral da auga no Concello de Santiago

10/06/2024 O Pazo de Raxoi acolleu esta maña a sesión constitutiva da Comisión especial encargada de analizar a forma máis eficiente e sostible para a xestión do ciclo integral da auga no Concello de Santiago. Na xuntanza de hoxe, que contou coa participación da alcaldesa, representantes dos grupos políticos municipais e persoal técnico do Concello, tamén se abordou o réxime de sesións, a análise da situación de partida e a toma de decisións.

A Comisión especial, reunida hoxe por primeira vez, estivo presidida pola alcaldesa e contou coa participación de representantes dos grupos municipais: Xesús Domínguez (BNG), Manuel César (BNG), María Rozas (CA), Xan Duro (CA), José Antonio Constenla (PP), José Ramón de la Fuente (PP), Mila Castro (PSdeG) e Mercedes Rosón (PSdeG); así como de persoal técnico de Secretaría, da Área de Urbanismo e Infraestruturas, da Sección de Medio Ambiente e Sanidade, da Asesoría Xurídica, da Oficina Orzamentaria, de Intervención Xeral e da Coordinación Xeral.

Esta Comisión nace coa encomenda de elaborar un informe que propoña o mellor modelo para xestionar o ciclo integral da auga, collendo como referencia o estudo realizado sobre este asunto en xullo de 2020. Tamén poderá impulsar outros traballos necesarios para acadar o obxectivo final de regularizar os servizos básicos de abastecemento de auga e saneamento que se prestan dun xeito precario no Concello de Santiago desde que venceu a prórroga do contrato.

A Comisión poderá requirir o asesoramento que considere, tanto de persoal técnico municipal como externo, e cando o así o decida, dará conta ao Pleno dos seus avances ou das decisións adoptadas.

Compartir: