CONSORCIO

O "Compostela Organum Festival" péchase cun concerto no convento de San Paio

25/05/2007 O sábado 26 de maio, ás 20:30 horas, o convento de San Paio de Antealtares acollerá o último concerto do "Compostela Organum Festival". Eric Brottier interpretará ao órgano pezas de Francisco Correa de Arauxo, Girolamo Frescobaldi, Domenico Scarlatti, Antonio Valente, Pablo Bruna e Antonio Correa Braga.

O encargado de executar o programa musical, Eric Brottier, é un organista francés que realizou diversos estudos con Antoine Geoffroy-Dechaume e Bernard Coudurier. É conservador do órgano histórico da igrexa de Juvigny (Marne) e está considerado tamén un dos mellores carillonistas, como demostra a multitude de concertos realizados en varios países de Europa.

O órgano do Convento de San Paio de Antealtares foi unha das xoias rehabilitadas polo Consorcio en 1996. Foi construído por Alberto de la Peña en 1782 e está situado tralas reixas do coro, presidindo os rezos das monxas deste convento benedictino. A riqueza da súa composición de rexistros, así como a existencia dun segundo teclado, pouco habitual nese período, amosa, dunha banda, os grandes recursos dos órganos barrocos, e doutra, a importancia e representatividade do órgano na vida monástica. O instrumento está dotado de efectos fónicos pouco frecuentes, tales como a chirimía ou os "enanos".

Compartir: