CAPITAL CULTURAL

A música contemporánea centra a axenda cultural da fin de semana no Auditorio de Galicia

07/06/2024 Como parte das Xornadas de Música Contemporánea, a JONDE ofrecerá entre o venres e o domingo dous concertos de cámara e un para ensemble no que presentará catro estreas absolutas, dúas delas realizadas por encargo específico da orquestra. Todos os recitais son de acceso libre até completar capacidade e irán precedidos dunha sesión comentada a cada programa da man da musicóloga Rosa Fernández

As Xornadas de Música Contemporánea 2024 continúan esta fin de semana a tomarlle o pulso á creación musical de vangarda con tres novos concertos da man da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE) no Auditorio de Galicia.
O primeiro deles, o venres ás 20.30 horas na Sala Mozart, contará de novo coa participación do Trío Arbós e o clarinetista Joan Enric Lluna e coa coordinación de Juan Carlos Garvayo. O programa incluirá obras de César Camarero, Mario Davidovsky, Gabriela Ortiz e Thomas Adès e a estrea absoluta de Rust, de Inés Badalo, unha obra composta especialmente para estas xornadas por encargo da JONDE.

Rust, termo inglés que dá título á peza, alude á transformación do metálico, ao proceso de oxidación dos materiais e a esa metamorfose radical que pode dar lugar a múltiples texturas, cores e, finalmente, á desintegración do obxecto do que deriva. Na partitura, tradúcese nun abano de sonoridades baseadas no metálico para as que a autora bota man de elementos alleos aos diferentes instrumentos. Tamén estará presente a través dos distintos graos de presión, puntos de contacto ou técnicas estendidas na interpretación.

A mesma formación de cámara protagoniza o concerto do sábado 8 de maio, tamén ás 20.30 horas e na sala Mozart. No programa, obras de Toshio Hosokawa Salvatore Sciarrino e Gérard Grisey alén da estrea absoluta de El aljbe, de María José Arenas. El Aljibe é unha obra para frauta, clarinete, violín, violoncello, piano e percusión baseada no relato homónimo da escritora e xornalista arxentina Mariana Enríquez incluído no seu libro Los peligros de fumar en la cama (2017). A historia céntrase nunha moza que, despois de ter visitado de nena unha menciñeira para tratar a súa nai e a súa avoa, se sente acurralada por unha serie de terrores que lle impiden levar unha vida normal, ata que a súa irmá a acompaña de novo á mesma menciñeira, que anos despois lle conta a verdade. No escenario principal hai un alxibe ao que a protagonista se asoma dúas veces, cun cambio temático que percorreu todos os seus traumas até o presente. A partir dunha lectura analítica do conto, esta obra propón unha visión musicalizada dos seus fíos temáticos e estruturais, convertendo os diferentes instrumentos en personaxes e accións paralelas á trama e desenvolvemento o tema principal —o horror— en diálogo cos subtemas —a familia, a saúde mental, a relixión pagá— ao longo dun discurso que condensa o universo narrativo de Mariana Enríquez co estilo musical de María José Arenas. Unha conexión interartística que pescuda nas posibilidades tímbricas de cada instrumento coa mesma fondura que busca no seu interior a protagonista do relato.

O último dos concertos da JONDE ao abeiro das XMC’24 terá lugar o domingo 9 de xuño ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage. Como xa fixo no concerto que abriu o ciclo, a orquestra volve ao escenario do Auditorio baixo a dirección de Pablo Rus Broseta e na compaña do Ensemble Modern para interpretar, desta volta, un programa con pezas de Pierre Boulez e Jörg Widmann que se intercalan con dúas estreas absolutas: Brana, da compositora María de Alvear e Estudio sobre la carne, unha composición de Hugo Gómez-Chao realizada por encargo da JONDE para a súa intervención nas Xornadas.

Escrita en 2023, Brana forma parte dunha triloxía baseada na astrofísica que a autora está a desenvolver e que define como "algo así como dicir que estou na procura do meu anaquiño de ceo". A dicir da compositora, as branas son "a finísima distancia que, como burbullas de xabón, separa universos. Cientificamente falando, pódese estar nunha brana. De feito, hai científicos que cren que o noso universo está entre dúas branas. A fraxilidade e a grandeza que iso significa inspiroume para facer esta obra; a súa simplísima formulación, xunto coas súas enormes complicacións matemáticas".

Estudio sobre la carne, do compositor galego Hugo Gómez-Chao, é unha peza que reflexiona sobre distintos tipos de densidade: é un estudo sobre a fisicidade do son. A partir da concepción do ensemble como un músculo no que os diferentes instrumentos conforman un único corpo golpeado enerxicamente, e no que cada son modifica o que o sucederá, o autor idea unha peza de gran densidade de son que, froito desa intensidade, adquire unha calidade física. Gómez-Chao confesa: "ás veces, cando estaba escribindo, pensaba que case podía tocalo e cravalo no papel. Todo soa apaixonadamente. Aparece a carne".

Todos estes concertos son de acceso libre até completar a capacidade das salas. Antes de cada un deles, ás 19.30 horas, a musicóloga Rosa Fernández ofrecerá no Auditorio unha sesión de comentarios ao programa titulada ‘Miradas sonoras’ que permitirá ás persoas asistentes coñecer con maior profundidade as obras e artistas participantes.

Xornadas de Música Contemporánea ‘Caleidoscopio’

Enmarcadas na programación anual de Compostela Cultura, as XMC concitan as principais entidades culturais da cidade no tecido dunha proposta que pon en valor a música desenvolvida nos séculos XX e XXI nas contornas galega, estatal e internacional e o diálogo con outras formas artísticas. A edición de 2024 é froito da colaboración do Concello de Santiago e o Auditorio de Galicia, coa Deputación da Coruña, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) da Xunta de Galicia e o Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música do Ministerio de Cultura. Do 5 ao 20 de xuño e baixo o título xenérico de ‘Caleidoscopio’, convida a gozar dunha programación na que ademais da JONDE e das formacións e solistas que a acompañan toman parte a Banda Municipal.

Compartir: