CAPITAL CULTURAL

Compostela Cultura conmemora o Día Europeo da Música cunha programación que celebra a diversidade cultural

07/06/2024 Do 18 ao 22 de xuño, o Teatro Principal acollerá catro concertos e un espectáculo de danza con música en directo que combinan sonoridades tradicionais e contemporáneas. As entradas e convites están xa á disposición do público na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes na Zona C ·Punto de información Cultural e tamén se poderán retirar no despacho de billetes do Teatro o día de cada evento dende unha hora antes do seu inicio.

Compostela Cultura súmase ás conmemoracións do 21 de xuño, Día Europeo da Música, e esténdeas ao longo desa semana coa programación de actividades que afondan na diversidade e riqueza da cultura europea e concitan propostas que van dende a exploración das súas tradicións musicais á anovación de achegas contemporáneas. Do 18 ao 22 de xuño, o Teatro Principal acollerá catro concertos e un espectáculo de danza con música en directo que reúnen artistas e formacións musicais da contorna galega, estatal e europea.

O ciclo ábrese o martes 18 de xuño ás 20.30 horas con Somos, un traballo da compañía de danza lookathingsdifferent que contará coa música en directo do compositor e pianista compostelán Nico Casal. Este espectáculo, que se integra nas Xornadas de Música Contemporánea e no circuíto Danza a Escena do Instituto das Artes Escénicas e da Música (INAEM) convida a apreciar a beleza da arte a través do movemento marcado pola busca persoal, a exploración e a entrega das coreógrafas Carla Cervantes Caro e Sandra Egido Ibáñez. As entradas, a un prezo de 10 € (co 50% de desconto para os colectivos habituais) están xa dispoñibles na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural. Tamén se poderán recoller no Teatro Principal o propio día do espectáculo dende unha hora antes do seu comezo.

O mércores 19 de xuño será a artista italiana Maria Mazzotta quen tome o escenario do Teatro Principal. A partir das 20.00 horas presentará en concerto Amoreamaro, un álbum debut que a levou a percorrer Europa cunha xira de 80 concertos en máis dunha vintena de países e que fixo dela unha das voces máis apreciadas da contorna europea no ámbito das ‘músicas do mundo’. Neste primeiro concerto en Galicia, Mazzotta volverá engaiolar o público para mergullalo nunha viaxe a través das emocións, atopando no canto e na tradición popular salentina do sur de Italia o vehículo perfecto para experimentar a catarse, a forza, o amor ou o esquecemento. As entradas, a un prezo de 12 euros, pódense adquirir nas mesmas canles e cos descontos habituais de Compostela Cultura.

A Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela tomará o relevo o xoves 20 de xuño ás 20.00 horas con ‘Dende a semente creativa’, un concerto que tamén forma parte das Xornadas de Música Contemporánea de 2024. David Fiuza levará a batuta da formación nun programa con tres estreas absolutas compostas por Xosé Carlos Seráns Olveira, Federico Mosquera e Fernando Ruibal que se completa cunha obra de Juan Fernández Guzmán. A actuación contará coa intervención de dous solistas galegos: o contrabaixista Antonio Romero Cienfuegos e o saxofonista Rafael Yebra. O recital é de balde previa retirada de convites (máximo 2 por persoa) na web de Compostela Cultura, na Zona C e no despacho de billetes do Teatro Principal.

No propio Día Europeo da Música, o venres 21 de xuño, ás 20.00 horas, o pano do Principal erguerase de novo para a presentación en concerto de Zugunruhe. Inquietude Migratória, o terceiro álbum de estudio de Pablo Sanmamed. O óboe de Benxamín Otero únese nesta ocasión ao habitual trío de jazz conformado por Sanmamed ao contrabaixo, Iago Mourinho ao piano e Bruno Couceiro á batería, para musicar este traballo que se inspira no comportamento ansioso que se dá nas especies migratorias, singularmente nas aves, ás que se lles impide migrar. O movemento e o seu oposto, a quietude, toman forma musical da man deste cuarteto galego e do seu son comunitario e inmersivo. Tamén neste caso, as entradas teñen un prezo de 12 euros e poden ser adquiridas con idénticos descontos a través das canles xa mencionadas.

O ciclo péchase o sábado 22 de xuño ás 20.00 horas cun concerto que reunirá no escenario do Teatro Principal dúas propostas artísticas agromadas a unha e outra beira do Miño. Abrirá a noite Mel, é un proxecto liderado por Lucas de Centi e Sandra Pérez que explora a mestura de diferentes estilos de música electrónica con elementos da música tradicional e do jazz. A súa aposta por un espectáculo baseado na improvisación conta coa participación de Antía Muíño na voz e con Miguel Arribas nos saxos e efectos sonoros. O concerto continuará coa proposta entre a electrónica experimental e o art pop de sús, un proxecto a solo da artista portuguesa Susana Nunes que transita por diferentes formatos de expresión artística, a música electrónica de vangarda, o fado e a lírica portuguesa, sempre co son e a exploración da voz como vehículo principal. As entradas, tamén a 12 euros, pódense adquirir dende este xoves na web de Compostela Cultura e na Zona C· Punto de Información Cultural.

Horarios e descontos para compra de entradas

As entradas e convites para todos estes eventos están dispoñibles na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 h e de 16 a 19 h) e tamén se poderán retirar no do Teatro Principal o día de cada espectáculo dende unha hora antes do seu inicio.

Todos contan co 50% de desconto para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas.

Compartir: