UMAD

Reactívase o Consello Municipal de Saúde cunha sesión centrada no Plan Municipal de Saúde

04/06/2024 A xuntanza do Consello Municipal de Saúde tivo lugar esta tarde e estivo presidida pola concelleira delegada da UMAD, Pilar Lueiro, en calidade de vicepresidenta. Durante a sesión, na que tomaron posesión os novos membros, abordouse a posta en marcha do I Plan Municipal de Saúde centrado nas actividades físico-deportiva en infancia e maiores, nos trastornos aditivos e na saúde mental co obxectivo de mellorar a vida da veciñanza de Santiago.

O edificio das Asociacións Cabes acolleu esta tarde a sesión constitutiva do Consello Municipal de Saúde do Concello de Santiago que retoma a súa actividade desde a súa última reunión en outubro de 2020, nunha xuntanza presidida pola concelleira da UMAD, Pilar Lueiro.

Ademais de aprobar a constitución do propio Consello cos novos membros, durante a xuntanza tamén se debatiu sobre a súa organización e metodoloxía. Ademais, a concelleira Pilar Lueiro foi a encargada de presentar a todas as persoas asistentes o I Plan Municipal de Saúde co obxectivo de abordar os pasos a seguir para a súa redacción e o seu seguimento.

En concreto, o primero paso será a actualización do Diagnóstico Municipal de Saúde do ano 2022 co obxectivo de revisar os indicadores para desenvolver unha mellor e máis completa perspectiva da saúde percibida, e, por outra parte, redefinir as liñas estratéxicas coa intención de traballar especificamente na actividade físico-deportiva en infancia e maiores, nos trastornos aditivos e nunha estratexia específica de saúde mental.

O obxectivo final é obter un Plan municipal que se axuste á realidade compostelá, tratando a saúde de forma global e transversal, así como detallando areas especificas de especial relevancia como e o eido da saúde mental.

Consello Municipal de Saúde

O Consello Municipal de Saúde é un órgano colexiado de participación comunitaria para a consulta, asesoramento e seguimento das accións en materia de protección e promoción da saúde, así como da actividade sanitaria no ámbito municipal.

Trátase dun órgano permanente de participación, asesoramento, consulta, proposta, información, comunicación e debate, cuxo ámbito de actuación é coincidente cos límites e competencias municipais e sempre referido á temas de saúde pública

Son funcións deste Consello, a representación e canalización da participación comunitaria en temas de saúde ou asesoramento e a elaboración de propostas de actuación en materia de saúde, así como o seguimento das mesmas.

O Consello Municipal de Saúde está formado pola alcaldesa ou a concelleira delegada de Saúde así como representantes da Corporación municipal e doutras entidades do sector sanitario, colexios profesionais, asociacións de usuarios/as e pacientes, representantes veciñais e doutros organismos, así como persoal técnico municipal.

Compartir: