CAPITAL CULTURAL

A SELIC reafirma os seus vencellos con Compostela e aposta polo cómic galego

04/06/2024 A SELIC arrinca este venres 7 de xuño cunha extensa programación de máis de 60 actividades, que alén de nomes internacionais como John Banville ou Adanía Shibli, destaca pola diversidade da súa oferta, tanto nos xéneros como nos formatos. Poesía, narrativa, relato curto, contacontos, obradoiros, paseos, dramatizacións ou xogos de rol son algunhas das opcións que encherán a Quintana durante 10 días, até o domingo 16 de xuño. O Festival da Lectura tamén ofrece 12 paseos para descubrir a cidade desde diferentes perspectivas, dos mitos ás pegadas das escritoras.

Entre os diferentes tipos de literatura nos que porá o foco o Festival da Lectura, esta oitava edicón manterá a atención no cómic, conciliando a autores de recoñecida traxectoria, como Miguelanxo Prado, con outras máis novas pero que apuntan maneiras, como é o caso de Afra Torrado, gañadora na Gala do Libro Galego na categoría de banda deseñada co seu traballo fago o que podo.

Prado recunca nesta edición para falar do xénero negro no cómic xunto a Carlos Portela, dentro da programación da SELIC Criminal. Entre os dous debullarán as súas obras Presas fáciles, do primeiro, e Contrition, que o segundo asina xunto a Keko. Ademais, teremos a Manel Cráneo para achegarnos ao proceso creativo da súa adaptación do longseller de Xavier Alcalá A nosa cinza, que o debuxante publica en Demo Editorial co título Cinza.

Por outra banda, Teresa Moure e a ilustradora María João Worm presentan Zeca Afonso. Balada do desterro, unha banda deseñada que nos achega á súa senlleira e íntima visión do cantor. Reivindicando os vínculos con Portugal, a SELIC contará tamén coa visita do autor e guionista João Tordo, e coa celebración dos 50 anos da revolución dos cravos, explorando a súa vinculación con Galicia coa visita dun capitán de abril, Manuel Durán Clemente. O Festival da Lectura asume así o desafío de ollar para o mundo, mais sen perder o foco en Compostela.

Esta mirada á cidade reforzarase con 12 paseos que nos axudarán a descubrir a nosa contorna desde novas perspectivas, xa sexa a través das gárgolas, dos mitos e lendas, da historia teatral, das pegadas das escritoras, ou de obras como Doentes, dramatizada nas propias rúas nas que transcorre a acción, e Crime en Compostela, cuxo corenta aniversario celebra este ano a SELIC. Un destes paseos convidaranos a debuxar a cidade nocturna, enmarcado na "sesión golfa" que o festival inaugura este ano con actividades un pouco máis tarde do habitual os días 8, 14 e 15 de xuño.

Pero ademais diso, a SELIC ten outras iniciativas pensadas arredor de Compostela, como unha mesa de debate titulada Santiago Utópico, na que conversarán Encarna Otero, Ángel Cid Carballo e Alfonso Salgado Suárez. Esta actividade conta coa colaboración da delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia e das Feiras do Libro de Galicia. Por outra banda, a gañadora da última edición dos premios SELIC, Montse Fajardo, abrirá o Festival da Lectura recuperando a historia das mulleres represaliadas na cidade; e Lara Dopazo ofrecerá un espectáculo musical arredor dos Seis poemas galegos de Lorca, nos que se atopa unha forte presenza de Santiago.

Deste xeito, a SELIC reafirma a súa conexión con Compostela a través de actividades diversas que destacan a historia e a esencia da cidade. Do 7 ao 16 de xuño, a Quintana tornará un centro de intercambio literario e cultural, unindo voces internacionais e locais. O festival anima ás persoas a achegarse e participar, con propostas para todos os tipos de públicos que insisten na necesidade da lectura nas nosas vidas.

Inscrición previa

Aínda que todas as actividades da SELIC son de balde, nalgunhas cómpre inscribirse previamente enviando un correo electrónico para garantir a asistencia. Trátase dos obradoiros Contacontos en movemento: contos e ioga para apagar o ruído! (ola@arboreazul.gal) e Cartografías persoais: debuxa o teu mapa (soymariameijide@gmail.com). Tamén é preciso anotarse nos paseos Baralla de Compostela (edicionspositivas@gmail.com), Compostela máxica (libreriauroboros@gmail.com), O Misterio das Gárgolas (gargolas@alvarelloseditora.gal), Enigmas de Compostela: o misterio do peregrino francés (destinoroeste@gmail.com) e Pasa a noite con Meiji, caderno de viaxe nocturno (soymariameijide@gmail.com).

Compartir: