ALCALDÍA

O Concello avanza na incorporación dos recoñecementos do acto Alba de Compostela no Regulamento de títulos, honras e condecoracións

31/05/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tamén deu conta esta mañá en rolda de prensa da solicitude enviada á Xunta para a convocatoria dunha reunión bilateral entre as dúas institucións sobre a Capitalidade e outros asuntos de "urxencia e relevancia" para a cidade e anunciou a data de constitución da Comisión especial da xestión do ciclo integral da auga, que terá lugar o vindeiro 10 de xuño.

A rexedora informou que o Concello enviou "con data de onte" unha carta á Xunta de Galicia solicitando unha xuntanza entre as dúas administracións para tratar "unha serie de cuestións que quedaron na mesa desde o noso último encontro producido hai xa oito meses que teñen certa urxencia e relevancia". En concreto, Goretti Sanmatín explicou que desde aquel primeiro encontro "quedaron pendentes unha serie de cuestións para ir analizando posteriormente, unha delas, a reunión inminente do Consello da Capitalidade" para avanzar na realización dunha serie de informes sobre este asunto demandados pola Xunta "para poder cifrar cal é a cantidade que lle corresponde a Santiago por esta capitalidade". A rexedora detallou que esta cantidade "xa estaba cifrada hai anos en 5 millóns e medio de euros e un informe actualizado máis recente do propio Concello de Santiago marca en máis de 8 millóns de euros".

Goretti Sanmartín demandou á Xunta de Galicia "que se atenda a esta solicitude de reunión" para abordar este tema "fundamental" e que teñan en conta "a especificidade de Santiago de Compostela como capital de Galiza, a súa importancia e os compromisos aos que se chegaron o ano pasado". Ademais , a alcaldesa mencionou outras cuestións que deberían ser tratadas nesta xuntanza como son "a sustentabilidade turística, a posta en marcha da taxa turística, todo o que ten que ver coas infraestruturas e equipamentos necesarios que estean pendentes ou outros asuntos máis encamiñados como o acordo ao respecto do convenio do CHUS".

"Unha vez que se fan as roldas entre os diferentes concellos e entidades, o lóxico é que Santiago de Compostela estea presente e sexa tida en conta nunha condición particular moi especial como é o feito de ser a capital do nos país", engadiu.

Comisión especial da xestión do ciclo integral da auga

A alcaldesa tamén valorou como "un avance moi importante cara a solución sobre a xestión do ciclo integral da auga no Concello de Santiago" a aprobación no Pleno desta semana por unanimidade da creación dunha "Comisión especial que se encargue de analizar cal é forma máis eficiente e máis sustentábel para a súa xestión".

Goretti Sanartín anunciou que a primeira xuntanza Comisión, que terá tanto representación política como técnica, está convocada para o próximo día 10 de xuño "coa intención de que os traballos sean o máis áxiles posibles" e que se poidan realizar "aqueles informes xurídiscos e económicos que fagan avanzar neste terreo para que a regularización deste contrato poida ser unha realidade máis cedo que tarde".

Regulamento de títulos, honras e condecoracións

Goretti Sanmartín tamén informou sobre os avances no procedemento de modificación do Regulamento de títulos, honras e condecoracións tras a xuntanza do Consello Asesor desta mañá.

O obxectivo desta modificación é actualizar o Regulamento para incorporar os títulos de Alba de Compostela e de Mulleres de Compostela do 8 de marzo, nunha decisión consensuada por todos os grupos políticos a partir dunha proposta feita desde Alcaldía e aprobada no Pleno municipal do mes maio.

A alcaldesa comentou que "as dúas cuestións foron moi ben recibidas" na xuntaza e agora darase un prazo "duns días para que os distintos grupos se queren fagan algunha proposta ou suxestión de cambio". "Temos que felicitarnos porque o partido popular e o partido socialista decidan participar de maneira clara no acto de Alba de Compostela e decidan que este acto ten a suficiente entidade como para formar parte deste Regulamento", engadiu.

Unha vez se chegue ao consenso nesta proposta de Regulamento, a rexedora confirmou que a intención é levalo ao Pleno deste mes de xuño. Ademais tamén se continuará a traballar "para que os actos de 25 de xullo non cadren con actos organizados por outras institucións".

Compartir: