CONVIVENCIA

A Semana da Prevención de Incendios chega á Alameda "coas claves para saber como reaccionar en situacións de emerxencia"

29/05/2024 Os próximos días 6 e 7 de xuño, a Alameda acollerá as actividades da Semana de Prevención de Incendios, organizada polo Servizo Municipal de Extinción, a Fundación MAPFRE e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros. O programa, previsto para o pasado mes de outubro e que tivera que ser cancelado por mor das condicións meteorolóxicas, pretende sensibilizar á veciñanza e mostrar as claves para reaccionar diante de situacións de emerxencia.

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, e o xefe do Servizo Municipal de Extinción de Incendios, Manuel Sanmartín, deron conta hoxe dos detalles da actividade, O edil agradeceulle á APTB e á Fundación MAPFRE a elección de Santiago para desenvolver este programa, que vai xa pola súa XIX edición. Duro explicou que o obxectivo do programa é "sensibilizar á cidadanía e axudarlle a identificar os riscos que se poden presentar nos lugares que frecuentamos, como os nosos fogares, lugares de traballo ou colexios, e trasladarlle os coñecementos necesarios para actuar diante dunha emerxencia". A temática da Semana da Prevención de Incendios centraráse na importancia dos detectores de fume, e terá como prioridade ao público escolar "para que os máis pequenos adquiran hábitos preventivos e mesmo sexan eles e elas os que actúen como educadores no seu ámbito familiar".

Programa

As actividades da Semana da Prevención de Incendios desenvolveránse o xoves 6 e o venres 7 na Alameda. Polas mañás, o programa está máis pensado para o público escolar, con visitas organizadas de colexios, ainda que é aberto a toda a cidadanía; e polas tardes, de 16.00 a 19.00 horas, haberá propostas deseñadas para o público en xeral.

O eixo principal da Semana da Prevención de Incendios é "A Casa de Fume", unha vivenda inchable na que as persoas participantes poden aprender as claves para "escapar" dun lugar no que se orixinou un incendio. Ademais, mostrarase como manexar as mangueiras e extintores, haberá exhibicións de vehículos de bombeiros ou traxes de intervención; e tamén talleres prácticos de reanimación cardiopulmonar e primeiros auxilios a cargo do 062 ou talleres demostrativos dos equipos de respiración e material de escape. Outro dos atractivos do programa serán as exhibicións de rescate vertical en altura.

Actividade referente

Desde a súa posta en marcha, a Semana da Prevención de Incendios de Fundación MAPFRE y APTB chegou a milleiros de escolares de toda España, cun programa moi ameno e didáctico que bota man de ferramentas como simuladores, vídeos educativos, ou obras de teatro.

A Fundación MAPFRE e APTB teñen elaborado un Estudo de Vítimas de Incendios en 2021, que sinala que o maior número de falecementos por incendios no fogar prodúcese por lumes no salón ou no dormitorio, en moitas ocasións orixinados pola noite. Nese ano rexistráranse 152 mortes en incendios acontecidos en fogares, o 70 por cento delas por intoxicación por gases e fume. De aí a importancia dos detectores de fume que, segundo a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros, evitarían moitas mortes, porque a maioría dos falecementos producen por intoxicación porque as vítimas non espertan no inicio do lume.

Compartir: