CAPITAL CULTURAL

As Xornadas de Música Contemporánea traen a Compostela un ‘caleidoscopio’ de sons e propostas artísticas

27/05/2024 Do 5 ao 20 de xuño, o ciclo retoma a súa cita anual coa música de vangarda dos séculos XX e XXI e o diálogo entre artistas, formacións e creacións contemporáneas. A cidade volve ser escenario para a residencia da Joven Orquesta Nacional de España, que ofrecerá no Auditorio de Galicia 5 concertos na compaña do Ensemble Modern e o Trío Arbós. A programación complétase coas intervencións da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, o Ensemble Liberdade e a compañía de danza lookathingsdifferent ao son da música en vivo de Nico Casal.

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou esta mañá na sala de prensa do Pazo de Raxoi unha nova edición das Xornadas de Música Contemporánea. Fíxoo na compaña de representantes das institucións que fan posible esta nova edición, concretamente da deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; do director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) Santiago Olmo, e da directora artística da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), Ana Comesaña. Baixo o título ‘Caleidoscopio’, as XMC’24 ofrecerán do 5 ao 20 de xuño sete concertos e un espectáculo de danza con música e directo. O Auditorio de Galicia, o CGAC e o Teatro Principal servirán de escenario a unha edición que, en palabras da concelleira Míriam Louzao, "recupera o seu compromiso coa descuberta e a vangarda, co afán de abrir xanelas e oportunidades de escoita cara ás sonoridades anovadoras e as tendencias emerxentes de música dos séculos XX e XXI, outorgándolles o espazo e o valor que merecen como futuros clásicos".

Ademais da participación da Joven Orquesta Nacional de España, que actuará en Compostela baixo a dirección de Pablo Rus Broseta e na compaña do Ensemble Modern, o Trío Arbós e o clarinetista Joan Enric Lluna, as Xornadas contarán coas actuacións do Ensemble Liberdade dirixido por Xacobe Martínez Antelo, a compañía de danza lookathingsdifferent coa colaboración do compositor e pianista compostelán Nico Casal e a Banda de Música de Santiago de Compostela dirixida por David Fiuza e acompañada doutros dous solistas galegos, o contrabaixista Antonio Romero Cienfuegos e o saxofonista Rafael Yebra.

Un novo encontro coa JONDE

A Joven Orquesta Nacional de España volve escoller Santiago de Compostela para celebrar o seu encontro anual. Do 31 de maio ao 4 de xuño a JONDE fará do Auditorio de Galicia o centro da súa actividade artística e formativa cara ao estudo e preparación do repertorio sinfónico e de cámara. As e os 45 integrantes da formación, con idades comprendidas entre os 19 e os 26 anos, traballarán en ensaios parciais ou seccionais nas diferentes especialidades instrumentais, con docentes de recoñecido prestixio na contorna estatal e internacional. Durante este período perfilarán dous recitais liderados polo reputado conxunto alemán Ensemble Modern, baixo a batuta de Pablo Rus Broseta como director convidado e con Isabel Rubio como directora asistente, que se presentarán en concerto na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia os días 5 e o 9 de xuño ás 20.30 horas.

Tamén traballarán en tres proxectos de cámara, neste caso coa tutela do Trío Arbós e o clarinetista Joan Enric Lluna, que se ofrecerán en concerto os días 6, 7 e 8 de xuño na Sala Mozart do Auditorio, tamén ás 20.30 horas.

A directora da JONDE, Ana Comesaña, agradeceu ás institucións que fan posible a residencia da orquestra en Compostela, "nun espazo absolutamente único e privilexiado para a consecución dos seus fins pedagóxicos e artísticos". Comesaña salientou a grande aceptación que programas como o que traen a Santiago reciben por parte da rapazada e o público familiar e fixo un chamamento á cidadanía a descubrir as XMC e "perder o medo" cara á escoita da música contemporánea. Lonxe de ser unha proposta restrinxisa á audiencia coñecedora deste tipo de música, a proposta "ofrece unha grandísima oportunidade para crear público entre os máis pequenos e tenta ser un grao de area na oferta cultural infinita de Santiago ademais dunha porta aberta a que nos acompañen todas aquelas persoas que queiran", apuntou.

A programación percorrerá unha importante mostra da creación musical contemporánea dos últimos anos do século XX e os primeiros do século XXI, reflectindo á súa vez a diversidade de xénero e procedencia das súas autoras e autores. Nestes 5 concertos interpretarase un total de 22 obras, entre as que se contan 6 estreas absolutas: dúas delas creadas polas compositoras María José Arenas e María de Alvear e outras catro especialmente encargadas pola JONDE para este proxecto e ideadas por Helga Arias, Inés Badalo, Alberto Carretero e Hugo Gómez-Chao.

Todos os concertos son de balde sen necesidade de reserva até completar a capacidade das salas e irán precedidos de sesións de comentarios ao programa conducidas pola musicóloga Rosa Fernández. Baixo o título ‘Miradas Sonoras’ estas sesións comentadas arrancarán ás 19.30 horas no espazo de celebración dos concertos.

Vangarda sonora e diálogo entre disciplinas artísticas

Nesta procura de novos camiños creativos que abren as Xornadas de Música Contemporánea, toma tamén parte o Ensemble Liberdade. A formación de guerrilla da Orquestra Galega de Liberación, liderada por Xacobe Martínez Antelo, ofrecerá un concerto con entrada de balde o mércores 12 de xuño ás 20.30 horas no CGAC. O público poderá daquela descubrir os detalles deste proxecto centrado na improvisación como fonte primixenia de inspiración e investigación que se artella co cometido de ir superando fronteiras musicais e amosar novos camiños e puntos de fuga que se abren ante nós.

Para esta ocasión, o grupo verase intervido por primeira vez por dúas novas variables que rachan coa sonoridade de cámara, que viña sendo a habitual nesta formación. A guitarra eléctrica de Manuel Cebrián e a voz poliédrica de Rubén Fernández súmanse agora ao violín de Elena Vázquez, á viola de María José Pámpano, ao violonchelo de Macarena Montesinos, á batería de LAR Legido, aos saxos de Diego Alonso, aos saxos e gaita de Xosé Miguélez e á trompeta de Javier Pereiro para artellar un espectáculo que nos rende á exuberancia sonora e dá conta das posibilidades infinitas da música.

O martes 18 de xuño, tamén ás 20.30 horas pero no Teatro Principal, a compañía de danza lookathingsdifferent presentará SOMOS, un traballo ao tempo delicado e de gran esixencia física que procura desdebuxar roles de xénero e estereotipos ao son da música orixinal concibida por Nico Casal e interpretada en vivo por este compositor compostelán. SOMOS é un dialogo entre dous corpos e todos os seus camiños, un espazo que convida a apreciar a beleza da arte a través do movemento e do son e abrir a ollada e o oído a novas posibilidades expresivas. As entradas, poderán ser adquiridas a 10 euros co 50% de desconto para os colectivos habituais.

A aposta pola anovación compositiva continúa no programa desenvolvido pola Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela para o peche destas Xornadas. O último concerto da edición terá lugar o xoves 20 de xuño ás 20.00 horas no Principal e a entrada será de balde previa retirada de convites nas canles habituais de Compostela Cultura. David Fiuza dirixirá a formación nun programa con tres estreas absolutas compostas por Xosé Carlos Seráns Olveira, Federico Mosquera e Fernando Ruibal e unha obra de Juan Fernández Guzmán. A BMSC contará nesta ocasión coa actuación doutros dous solistas galegos: o contrabaixista Antonio Romero Cienfuegos e o saxofonista Rafa Yebra.

Información de entradas

Os concertos da JONDE e do Ensemble Liberdade son de acceso libre até completar capacidade e non é preciso realizar reserva. As entradas para o espectáculo SOMOS e os convites para os concertos da BMSC estarán dispoñibles desde o martes, día 28 de maio, na web compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C · Punto de Información Cultural (na praza de Cervantes), que abre martes a sábado de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Ademais, poderanse adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal o propio día de cada evento dende unha hora antes do seu comezo sempre que existan aínda localidades dispoñibles.

Direccións relacionadas



Compartir: