XUNTA DE GOBERNO

O executivo municipal dá luz verde aos convenios de colaboración con catro entidades sociais por máis de 310.000 euros

27/05/2024 A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá cinco convenios de colaboración do Concello de Santiago con catro entidades: Cruz Vermella Española, Cáritas Diocesana, Escola de Tempo Libre de Don Bosco e o Colexio de Avogacía de Santiago, por un importe total de 312.000 euros. Nesta mesma sesión tamén se deu luz verde ao expediente para a realización das obras de pavimentación da rúa das Baleixas en Marrozos, un proxecto ao abeiro do POS+ 2023 da Deputación da Coruña. Destes e outros asuntos tratados en Xunta de Goberno, deu conta a voceira Míriam Louzao.

A voceira do Grupo de Goberno explicou que na sesión ordinaria desta mañá o executivo municipal deu luz verde a dous convenios entre o Concello de Santiago e a Cruz Vermella Española. O primeiro deles destinará a esta entidade unha contía de 100.000 euros para continuar co desenvolvemento do programa SEMUS COMPOSTELA que se encarga de cubrir as urxencias de carácter social cando os Servizos Sociais Municipais non están operativos. Trátase dun servizo de atención a persoas especialmente vulnerables e que padecen situacións de risco que se presentan de forma imprevista, e está dispoñible os 365 días do ano. Para activar o servizo cómpre chamar ao 112 ou a Policía Local.

O Concello tamén asinará un segundo convenio coa Cruz Vermella por un importe de 85.000 euros para financiar o Plan de Atención ás Persoas sen Fogar, o que permitirá manter os equipos de rúa que atenden as necesidades psicosociais das persoas con maior vulnerabilidade social, así como outras actividades impulsadas pola entidade como o programa de teleasistencia domiciliaria, o programa "Enrédate" para persoas maiores, o programa de "axuda a domicilio complementaria" e o "Plan de Saúde".

Outro dos convenios máis importantes é o asinado con Cáritas e que ascende a 120.000 euros. Levan a cabo o programa de atención primaria, atendendo a persoas en risco de exclusión social e tratando de dar resposta a calquera demanda social que formulen.

Tamén se deu luz verde ao texto do convenio para este ano coa Escola de Tempo Libre Don Bosco, dotado de 5.000 euros para apoiar o desenvolvemento do proxecto de intervención educativa e integración no tempo libre "Un lugar para ti", deseñado para favorecer a conciliación nas familias, e especialmente as máis vulnerables, con actividades para rapaces e rapazas entres os 4 e os 17 anos.

O Concello tamén destinará 2.000 euros ao convenio co Ilustre Colexio da Avogacía de Santiago de colaboración no financiamento da quenda de profesionais da avogacía con especialización en dereito administrativo e laboral para prestar asistencia e asesoramento xurídico na vía previa administrativa e laboral mediante a constitución dun equipo específico permanente de asesoramento, orientación e coordinación.

Obras no rural

Míriam Louzao tamén deu conta da aprobación do expediente para a licitación das obras de pavimentación da rúa das Baleixas, na parroquia de Marrozos. Trátase dunha actuación que contará cun orzamento base de licitación de 47.231,83 euros (base impoñible de 39.034,57 € máis IVE do 21% polo importe de 8.197,26 €) ao abeiro do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS+ 2023.

As obras consistirán na limpeza, formación, perfilado e refino de cuneta de sección triangular ou na limpeza e acondicionamento da marxe do vial, segundo sexa o caso. Tras isto, procederase ao saneamento das zonas deterioradas mediante a aplicación de macádam e un tratamento semiprofundo, así como da aplicación dun triple tratamento superficial no ramal principal e un dobre tratamento superficial nos ramais secundarios.

A Xunta de Goberno tamén aprobou a certificación final das obras de pavimentación dos viarios interiores en Carlexo e A Braña de Silvouta na parroquia de Villestro e San Xordo e A Sionlla na Sabugueira por importe de 9.752,96 euros realizadas pola empresa OVIGA S.L, e das obras de acondicionamento do Camiño de Fisterra en Vilariño de Abaixo (Quintáns – Villestro) por un importe de 17.229,87 euros ao abeiro do POS+ 2021, realizada pola empresa OBRAS Y VIALES DE GALICIA, S.L.

A Xunta de Goberno tamén acordou a certificación final da rehabilitación de firmes de vías urbanas 2022 en Santiago realizada pola empresa MOVIMIENTO DE ARIDOS Y CONSTRUCCIONES DE AROSA, S.L. por un importe de 36.112,41 euros.

Documentos relacionados



Compartir: