DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

A oitava edición de Compostela máis Solidaria pon en valor a información de primeira man como ferramenta contra a intolerancia

22/05/2024 Santiago acolle do 29 de maio ao 7 de xuño a oitava edición de "Compostela máis Solidaria", unha proposta de sensibilización arredor das realidades migrantes que forman parte da nosa contorna e das que, como sociedade, non sempre somos conscientes. O programa está impulsado pola Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, co apoio do Concello de Santiago, a través da Unidade de Atención ás Migracións. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, e a presidenta da Coordinadora, María Paz, deron conta das actividades previstas nunha rolda de prensa na que a tenenta de alcaldesa reafirmou "o compromiso do Goberno coa cooperación ao desenvolvemento, compromiso que se traduce en accións concretas coma esta que presentamos".

Nesta edición "Compostela máis Solidaria" quere "reivindicar a escoita atenta e a conversa pausada, e poñer en valor a información de primeira man, fundamental para fortalecer a reflexión e o criterio persoal fronte aos bulos". María Rozas explicou que "se garantir unha información veraz é importante sempre, éo máis cando falamos de cuestións tan sensibles como a cooperación ou a poboación migrante, nas que a desinformación se transforma en máis prexuízos e máis intolerancia".

Encontro "Compostela co sur global"

Por iso, o programa deste ano comenzará o mércores 29 de maio, co encontro "Compostela co Sur Global" no que se vai mostrar a relación do Concello de Santiago coa cooperación ao desenvolvemento. No acto, que se desenvolverá no edificio Cersia de 16:30 a 18:30 horas, ofreceráselle á veciñanza a posibilidade de coñecer en profundidade os proxectos de cooperación internacional apoiados polo Concello a través da súa convocatoria pública de subvencións para a cooperación ao desenvolvemento "porque a transparencia tamén é fundamental contra os bulos". Para iso, na xornada faráse un percorrido por seis proxectos que foron posibles grazas a esas axudas municipais, da man das organizacións galegas que os implulsaron (Asemblea de Cooperación pola Paz, Solidariedade Internacional, Arquitectura sen Fronteiras, Fundación Vicente Ferrer, Asociación Proyde e Solidariedade, Educación e Desenvolvemento) e dúas socias locais (Redes, dende O Salvador, e Siembra dende Guatemala).

María Rozas lembrou que a celebración dun acto destas características "foi un dos compromisos que adquirimos no Consello Municipal de Cooperación e Solidariedade, que reactivamos a finais do ano pasado e que non se reunía desde o ano 2019". A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou tamén que "o Goberno tén orzados 300.000 euros para a nova convocatoria de subvencións de cooperación, que o Concello de Santiago creou no ano 2016 e na que fomos pioneiros".

Teatro familiar

A segunda das actividades do programa "Compostela máis Solidaria" é unha obra de teatro de monicreques para público a partir de seis anos, coproducida pola compañía Xarope Tulú e a ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz. Trátase da montaxe "A teteira de Kabul", baseada nun conto homónimo de Carolina Pujados, inspirado na vida da escritora afgá Nadia Ghulam. Para as persoas que asistan á representación, haberá un exemplar deste conto como agasallo.

"A teteira de Kabul" narra en primeira persoa, e dende unha perspectiva construtiva e alentadora, a vida de Mina, unha nena afgá que debe abandonar a súa casa por mor da guerra e iniciar unha migración forzosa.

Palestina, as defensoras de dereitos e as mulleres migrantes no sector dos coidados

A última das actividades programadas nesta edición de "Compostela máis Solidaria" é Escoitadoiro, un espazo para o encontro que terá lugar o venres 7 de xuño en horario de tarde no Museo do Pobo Galego. Esta iniciativa ofrecerálle á cidadanía a oportunidade de achegarse á realidade de Palestina, a través do coñecemento directo que dela teñen a compostelá e gazatí Sara Ashour e o traumatólogo compostelán Felipe Noya, cooperante de Médicos do Mundo. Ambos estarán acompañados por representantes do movemento universitario SUGxPalestina, que está a ter dende hai semanas unha fonda implicación nsa reivindicacións dos dereitos da poboación civil de Gaza.

O Escoitadoiro servirá tamén para coñecer o labor das defensoras dos dereitos das mulleres en República Dominicana, a través de Syra Taveras, directora executiva da organización feminista Centro de Investigación para a Acción Feminina; e de Juana Ferrer, activista feminista ecoloxista coñecida pola súa loita para o recoñecemento das mulleres rurais e agricultoras, e que estará en Santiago participando no programa de acollemento temporal de defensoras de dereitos "Galicia Abriga". Ademais, participarán mulleres traballadoras representantes de SINTRAHOCU, o Sindicato de Traballadoras do Fogar e dos Coidados, que abordarán a situación das traballadoras migrantes neste sector; e a investigadora Zinthia Álvarez Palomino. As conversas do Escoitadoiro irán acompañadas de propostas artísticas, e de petiscos de comercio xusto da ONGD Solidariedade Internacional.

Todas as actividades de Compostela máis Solidaria son gratuítas, pero por cuestións de capacidade dos espazos requiren inscrición previa na web galiciasolidaria.org.

Direccións relacionadas



Compartir: