CAPITAL CULTURAL

Los Bravú, Elisa McCausland e Bea Lema pechan esta semana as actividades paralelas da exposición #Punctum

21/05/2024 O dúo artístico conformado por Dea Gómez e Diego Omil protagoniza o encontro ‘Procesos e sucesos’ do mércores 22 de maio, con acceso de balde. A xornalista Elisa McCausland afonda na xenealoxía e o futuro das autoras de BD o sábado 25 de maio ás 12 horas nun faladoiro de acceso libre. Tamén o sábado, pero ás 16.30 horas, a artista Bea Lema coordina un obradoiro de ilustración para a rapazada que é de balde previa inscrición.

A mostra #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega, continúa aberta no Auditorio de Galicia até o 16 de xuño e programa esta semana varias actividades paralelas con especialistas da ilustración e a banda deseñada ao abeiro do programa ‘Mulleres en cadriños’ que coordina Neves Rodríguez.

A primeira delas terá lugar o mércores 22 de maio a partir das 17.30 horas na Zona C da man do dúo artístico Los Bravú. Dea Gómez e Diego Omil protagonizan o encontro Procesos e sucesos, un faladoiro arredor das súas experiencias e desenvolver creativo en áreas e formatos diversos como o cómic, o fanzine, a pintura, a escultura, ou fotografía, polos que transitan sen complexos entre a experimentación e o divertimento para ser referentes da arte máis actual. A asistencia ao encontro, que será moderado por Neves Rodríguez, é libre até completar capacidade.

Los Bravú comezaron a traballar xuntos en 2012 e, nos seus primeiros anos como colectivo, profesionalizáronse dentro do mundo do deseño e da edición, o que os levou a destacar sobre todo nas novelas gráficas e na banda deseñada de autor. O Ministerio de Cultura francés convidounos a residir na Maison des Auteurs de Angoulême e grazas a este mecenado publicaron algúns títulos destacados como La Furia (APA-APA Editorial) ou MUJER! (Editorial Fulgencio Pimentel). En 2016 obtiveron unha bolsa da Real Academia de España en Roma cun proxecto de arte secuencial que, durante a súa residencia en Italia, viraría cara a unha obra pictórica con forte influencia no mundo antigo e no Renacemento. Estas influencias clásicas en sintonía coa estética contemporánea deron lugar a unha obra figurativa particular que foi exposta en diferentes galerías e feiras de todo o mundo, como Nova York, Os Ánxeles, Chicago, Cidade de México, Londres ou Seúl. Os seus cadros, centrados nun marcado formalismo pictórico, teñen unha lectura que atravesa problemas contemporáneos como a relación cos medios dixitais, a masiva turistificación das cidades-museo, o ecoloxismo ou o eterno dilema entre a "alta" e a "baixa cultura". Ademais da pintura, nos últimos anos exploraron outras disciplinas como a escultura, o vídeo, a instalación e mesmo unha peza de danza para o festival Escenas do Cambio.

Xenealoxía e futuro das autoras de cómic, con Elisa McCausland

O sábado 25 ás 12.00 horas, tamén na Zona C, a xornalista, crítica e investigadora especializada en cómic Elisa McCausland, en diálogo coa coordinadora do programa Neves Rodríguez, conduce unha viaxe dende as orixes do cómic até o presente na que percorrerá dinámicas editoriais, socio-económicas e autorais á luz dos feminismos e da man das autoras que se foron sucedendo nas diferentes etapas do medio.

Elisa McCausland colabora regularmente en Radio 3, Dirigido por, El Salto y Sofilm. Entre as súas publicacións destacan Wonder Woman, El feminismo como superpoder (Errata Naturae, 2017), Supernovas (xunto a Diego Salgado), Una historia de la ciencia ficción audiovisual (Errata Naturae, 2019), Sueños y Fábulas, Historia de Vértigo (ECC Ediciones, 2022) e Beso negro: Brujería, cine y cultura pop (Hermenaute, 2023). Comisariou a exposición Presentes: Autoras de tebeo de ayer y hoy, é promotora do Colectivo de Autoras de Cómic e membro da Cátedra ECC-UAH de Investigación e Cultura do Cómic da Universidade de Alcalá.

Obradoiro de zarapelleiras, con Bea Lema

A fanzineira Bea Lema, gañadora do premio do público da última edición do Festival de BD de Angoulême, convida a rapazada a participar na sesión Ilustración con tecido e fío. Zarapelleiras, un obradoiro dirixido a nenas e nenos de máis de dez anos que queiran coñecer a historia da arpillería, unha técnica de representación sobre zarapello ou tea de saco que xurdiu en Chile durante a ditadura militar e que adoitaba ser feita por grupos de mulleres. As zarapelleiras son pezas textiles tradicionais que poden representar paisaxes, costumes ou acontecementos importantes ou significativos para as persoas que contan a historia. A técnica consiste en elaborar figuras con retrincos de tea de diferentes texturas, que se cosen ou bordan con la ou fíos de cores sobre outra tea. Da man da artista, as participantes crearán unha ilustración que se trasladará á tea con tecidos compostos a modo de colaxe para crear unha escena. No proceso aprenderán diferentes tipos de puntadas e técnicas, escollerán os apliques que utilizar e bordarán pequenos detalles para crear a súa zarapelleira que poderán levar para a casa. O obradoiro, con prazas para 25 persoas, é de balde previa inscrición (até o 24 de maio) a través do enderezo obradoiros.punctum@gmail.com.

Os traballos de Bea Lema, artista de cómic, ilustradora e artista da animación, visitan a autorreferencia e exploran temas relacionados co trauma, as relacións familiares, a enfermidade mental, a relixión e os ritos populares dende o debuxo, o bordado e a animación como principais soportes e medios de expresión. En 2017 recibiu o XII Premio de Cómic Castelao da Deputación da Coruña por O Corpo de Cristo, un proxecto autobiográfico que trata a enfermidade mental dende a perspectiva dunha nena. En 2022 é seleccionada para realizar a residencia de novela gráfica na Maison des Auteurs de Angoulême (Francia). O resultado desa residencia é un libro publicado no país galo pola editorial Sarbacane baixo o título Des maux à dire, e en España por Astiberri baixo o título El cuerpo de Cristo. Este traballo foi Premio do Público do Festival de Angoulême, finalista do Premio ACDCómic de autora emerxente e Premio do Xurado do Festival BD en Périgord.

Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega

Aberta até o 16 de xuño na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia, a mostra #Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega, pon a dialogar os traballos de creadoras galegas de banda deseñada e fanzine para dar conta do seu potencial artístico e discursivo. Maru Astray, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa, Xulia Pisón e Pepa Prieto Puy amosan no espazo expositivo do Auditorio propostas heteroxéneas que abordan temas, códigos e desafíos estéticos ben actuais. A cotiandade, a saúde mental, o ecoloxismo, o humor, as relacións familiares, a precariedade laboral ou a igualdade de xénero atravesan os traballos destas seis creadoras galegas que conforman esta exposición colectiva marcada pola diversidade de fórmulas e de ollares. Comisariada por Ínigo Rodríguez Román, a exposición é o corazón do programa de actividades ‘Mulleres en cadriños, dirixido por Neves Rodríguez e concibido para pór en valor o traballo das mulleres galegas dentro da banda deseñada. A mostra pode ser visitada de balde de luns a domingo, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas (agás os días de espectáculo no Auditorio, nos que pecha ás 19 horas).

Compartir: