LINGUA

A alcaldesa fai entrega dun "contrato de fidelidade á lingua galega" ao alumnado que participa no Correlingua 2024

20/05/2024 A alcaldesa Goretti Sanmartín e representantes dos grupos municipais participaron no acto de clausura do Correlingua 2024 desta xornada organizada en Santiago de Compostela coa participación de 1.060 rapaces e rapazas de 10 centros de ensino.

Na súa intervención fixo referencia á renovación do compromiso co idioma. "Santiago é unha cidade internacional, ben coñecida no mundo, e é un lugar onde o galego ten unha presenza moi importante", sinalou.

Aludiu á responsabilidade de falar en galego e, nese sentido, deixoulle á organización do Correlingua un "contrato de fidelidade á lingua galega, para quen queira asinalo", a quen agradeceu que traian de novo esta actividade a Compostela, "un concello con orgullo de falar a lingua propia e de garantir os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes".

Ese contrato recolle o compromiso de exercer como axente normalizador da lingua galega no colexio ou instituto, e fóra del, para exercer activamente e con responsabilidade o dereito a usar o galego na vida escolar, demostrando que a mellor forma de conseguir a normalidade para a nosa lingua é coa práctica diaria.
"Quero participar cos meus grans de area na construción dun presente digno e dun futuro esperanzador para o noso idioma e súmome así aos miles de mozos e mozas que estamos a cambiar a historia do noso país ao mantérmonos fieis á nosa lingua, o noso principal sinal de identidade", recolle o texto do documento.

Tamén fai referencia a "mellorar as actitudes cara ao noso idioma e aumentar os usos formais e informais no contexto escolar", ademais de "demostrar que falar e escribir en galego é doado, útil e valioso", conclúe o contrato de fidelidade á lingua galega.

No acto partiparon, ademais da alcaldesa, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; o secretario comarcal de CIG-Ensino, Rubén Monteagudo; a responsable Correlingua, María Buño. Contou tamén con Isabel Risco e coa actuación de Cuarta Xusta, ademais do alumnado e profesorado dos centros de ensino Xelmírez I e Xelmírez II, Rosalía de Casto, Eduardo Pondal, Xulián Magariños, Terra de Soneira, Dices, Monte dos Postes, Apóstolo Santiago e Vite.

Compartir: