PROMOCIÓN ECONÓMICA

Santiago asume a presidencia de REDEL, a Rede de Entidades de Desenvolvemento Local

18/05/2024 A Rede de Entidades de Desenvolvemento Local, REDEL, vén de proclamar a súa nova Xunta Directiva na Asamblea Xeral celebrada en Xixón. Durante os próximos anos, o Concello de Santiago asumirá a presidencia da entidade, a través da técnica responsable da Oficina de Promoción Económica, Carme Casado. Da Xunta Directiva formarán parte outras dez entidades, de diferentes lugares de todo o Estado.

O Concello de Santiago é socio fundador de REDEL, que naceu en 2007 co obxectivo de impulsar a colaboración entre as axencias de desenvolvemento local para ampliar os seus coñecementos e desenvolver proxectos de maneira conxunta. Tamén procura a mellora continua das organizacións que a integran, a través da reflexión, a xestión do coñecemento e a colaboración, buscando o recoñecemento e a posta en valor a nivel técnico e político do desenvolvemento local e a súa proxección a nivel internacional.

Unha entidade en crecemento
Na Asamblea Xeral de Xixón, á Rede de Entidades de Desenvolvemento Local incorporáronse dúas novas entidades: a Deputación de Xaén e o concello de L’Alfàs del Pi. Desta maneira, xa son 35 as entidades de desenvolvemento local asociadas a REDEL, que ofrecen os seus servizos a un total de 1.959 municipios cunha poboación que supera os 23 millóns de habitantes.

Precisamente, na súa intervención diante da Asamblea Xeral, a nova presidenta de REDEL, Carme Casado, salientou o crecemento da entidade en número de socios nos últimos anos, e agradeceulle o seu traballo nese sentido ao seu antecesor no cargo, Fernando Nebreda, da Axencia de Desenvolvemento de Oarsoaldea. A técnica responsable da Oficina de Promoción Económica explicou que neste mandato, obxectivo é "traballar para compartir as ferramentas das que dispoñen as diferentes axencias, sobre todo coas entidades máis pequenas que dispoñen de menos recursos humanos e técnicos".

Compartir: