ALCALDÍA

O Concello súmase ás reinvidicacións a prol da lingua galega con motivo do 17 de maio

07/05/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, mantivo esta mañá un encontro cos representantes da plataforma Queremos Galego para tratar os temas que serán obxecto de reivindicación na manifestación do vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas que partirá da Alameda de Santiago e rematará na praza da Quintana. O Pazo de Raxoi tamén acollerá una acto o 16 de maio no que se fará lectura da Declaración Institucional apoiada por todos os grupos municipais para reivindicar e impulsar o uso do galego tanto na administración como na sociedade.

Goretti Sanmartín mantivo esta mañá un encontro co voceiro da plataforma Queremos Galego, Marcos Maceira, á que tamén asistiron representantes da CIG, da Agrupación Cultural O Galo e doutras entidades que conforman a plataforma.

Tras o encontro a alcaldesa expresou a adhesión do Concello de Santiago ás reivindicacións para a manifestación do vindeiro 17 de maio, xa que "sabemos que a lingua galega ten moitas fortalezas, pero tamén moitas debilidades e aínda hai moito que percorrer nos dereitos lingüísticos da maioría da poboación".

Goretti Sanmartín recordou o compromiso municipal coa lingua a través de iniciativas como o programa Apego "para conseguir que haxa crianzas galego-falantes" ou de aprendizaxe lingüística como o Programa Elos engánchate co galego. Tamén mencionou a Declaración Institucional apoiada por todos os grupos municipais para reivindicar e impulsar o uso do galego tanto a nivel interno como nun chamamento á cidadanía de Compostela "que se fará pública nun acto que terá lugar o vindeiro día 16 de maio no propio Concello de Santiago".

A rexedora tamén quixo subliñar o seu apoio ao chamamento da plataforma Queremos Galego para acadar "un consenso arredor da lingua que houbo no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, agora xa hai 20 anos, no que hai unha serie de medidas que aínda hoxe non son unha realidade".

"O Concello vai estar sempre á beira das persoas defensoras da lingua, a carón do fomento da diversidade lingüística e da garantía dos dereitos lingüísticos das persoas galego falantes no interese por promocionar a pervivencia do galego a través da transmisión interexeracional", concluíu.

Compartir: