AUDITORIO

Noite de violíns no Auditorio de Galicia

23/05/2007 A Real Filharmonía de Galicia ofrece un concerto cuxo protagonista absoluto é o violín, nas mans de Jean Jacques Kantorow e do seu violín principal James Dahlgren. Será o xoves 24 de maio, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.

Con motivo dun novo concerto de abono da orquestra compostelá, chega a Compostela o prestixioso violinista e director Jean Jacques Kantorow, director titular e artístico da Orquesta Ciudad de Granada e cuxo talento é recoñecido polos principais críticos europeos. Iniciado no violín, a súa versatilidade e curiosidade musical impulsouno a inclinarse cara o repertorio orquestral e operístico. Tomou sucesivamente a dirección de diversos conxuntos, tales como a Orquesta de Auvergne, a Orquesta de Cámara de Helsinki, ou a Tapiola Sinfonietta.

Música de Mozart

Xunto ao director Kantorow, tamén violinista, o concertino da Real Filharmonía James Dahlgren amosará a súa destreza na parte central do concierto, poñendo música ao "Concerto para violín núm.2" de Mozart. Dahlgren estudou con Zaven Melikian no Conservatorio de San Francisco. Tras chegar a Europa, traballou tamén como concertino invitado da London Philharmonic Orquestra e da Royal Liverpool Philharmonic Orchestra, entre outras. Actualmente é o principal concertino invitado da Orquesta Sinfónica de Bilbao e membro de TAIMA (Taller Andaluz de Interpretación de Música Actual).

Compartir: