EMPREGO

O Concello e a UPTA explorarán vías de colaboración para apoiar as traballadoras autónomas

26/04/2024 O Concello de Santiago e a Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos de Galicia estudarán posibles vías de colaboración para apoiar e mellorar o asesoramento a este colectivo en Compostela. Así se acordou na reunión que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a tenenta de alcaldesa e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, mantiveron co presidente da UPTA, Eduardo Abad.

Santiago pechou o mes de marzo con 7.208 traballadores e traballadoras autónomas, 42 máis dos que había no mes de marzo de 2021. O presidente da UPTA explicou que "esta evolución positiva contrasta cos datos preocupantes de Galicia, que no mesmo periodo de tempo perdeu case 2.500 autónomos e autónomas". No conxunto da comunidade temos 205.085 traballadores e traballadoras por conta propia, fronte ás 207.552 que había en marzo de 2021. Eduardo Abad salientou que o 40% dos autónomos e autónomas de Santiago pertencen aos sectores da hostalería e o comercio, "se ben está medrando o número de autónomas altamente cualificadas, relacionadas con sectores como o da informática". Tamén incidiu en que o 20% dos autónomos composteláns, máis de 1.400, teñen traballadores asalariados e asalariadas.

Aposta polo emprendemento

A concelleira de Promoción Económica explicou que desde o departamento avaliaranse "posibles vías de colaboración coa UPTA para asesorar e formar aos autónomos e autónomas, atendendo tamén a unha perspectiva social porque está medrando sensiblemente o número de persoas inmigrantes que son traballadoras por conta propia". María Rozas explicou que "esta é unha liña de traballo na que xa estamos avanzando, centrándonos especialmente no emprendemento feminino, verde e social, e cremos que as administracións debemos de ir da man de organizacións como a Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos".

A tenenta de alcaldesa aproveitou para poñer en valor o comercio local "que está mostrando unha importante solidez, manténdose en cifras bastante estables de negocio, fronte á evolución que tamén se ve no conxunto de Galicia, onde desapareceron máis de 3.000 pequenos establecementos comerciais en tres anos".

María Rozas aproveitou o encontro para lembrar que a concellaría de Promoción Económica está desenvolvendo o proxecto "COMMARKET", financiado con case dous millóns de euros de fondos Next Generation, que tén como obxectivo dinamizar, modernizar e fortalecer o tecido comercial de Santiago. Entre as medidas previstas, salientou concelleira, figuran a posta en marcha o marketplace da Praza de Abastos, ou a creación da oficina de apoio e transformación dixital para o pequeno comercio.

Compartir: