PLENO

O Pleno dá luz verde ao Regulamento do Consello Municipal de Igualdade e unha Declaración para impulsar o uso do galego

24/04/2024 O Pleno Municipal acordou esta mañá de xeito unánime a aprobación inicial do Regulamento do Consello Municipal de Igualdade do Concello de Santiago que permitirá dotar de autonomía propia a este órgano, integrado ata o de agora a través dunha comisión sectorial no Consello de Familia, Benestar Social e Igualdade. A totalidade da Corporación municipal tamén apoiou dúas declaracións institucionais con motivo do Día das Letras Galegas e do Día Internacional do Lupus.

O novo Regulamento aprobado inicialmente polo conxunto da Corporación na sesión ordinaria desta mañá determina a organización e o funcionamento do Consello Municipal de Igualdade co obxectivo de convertelo nun órgano independente funcional e normativamente.

Este Consello ten por obxecto promover, no ámbito local, a igualdade na diversidade e a eliminación de toda forma de discriminación e desigualdade que incide sobre as mulleres e sobre as persoas en xeral por motivo das diversidades existentes –funcional, procedencia ou orixe étnico, racial, cultural, e diversidade afectivo-sexual-.

Así, prevese que o Consello emita informes e ditames sobre temas relacionados coas políticas sectoriais dirixidas ao conxunto da cidadanía; impulse iniciativas para a aprobación de disposicións municipais referentes ao ámbito de competencia do Consello; asesore ao Concello e promova o debate e o coñecemento da execución das políticas, plans e programas municipais no que se concretan as políticas en materia de igualdade e diversidade afectivo-sexual; elabore propostas, emendas, e suxerencias; colabore na posta en marcha de actuacións sobre as principais preocupacións e temáticas de interese; potencie a participación diversa e plural da cidadanía, etc.

Declaracións institucionais

O Pleno municipal acordou esta mañá de xeito unánime aprobar unha declaración institucional con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2024 co obxectivo de reafirmar o compromiso de todos os grupos políticos a prol do uso do galego na administración municipal. "Desde o Concello de Santiago, como capital de Galicia, temos unha responsabilidade excepcional co galego, a nosa lingua propia dentro dese patrimonio mundial da diversidade, a da comunidade que representamos", recolle o documento.

A declaración fai fincapé na necesidade de "manter e anovar os compromisos adquiridos" ao longo das últimas décadas ao respecto do uso da lingua galega na Administración municipal e "darlle maior pulo ao proceso da súa normalización social". Desde a declaración asinada en maio de 1984 en Compostela por varias alcaldías galegas, o Concello iniciou un proceso a prol do uso do galego con fitos salientables que "deron como resultado un progresivo, aínda que lento, aumento do noso idioma na comunicación do propio Concello e tamén dos diversos sectores e entidades sociais". A pesar destes avances, a declaración avoga por "imprimirlle un novo impulso" a este labor para "que non decaia o nivel de protección, uso e promoción que se veu mantendo".

Os catro grupos municipais comprométense así a ampliar o espazo do galego na actividade comunicativa do Concello, a garantir os dereitos lingüísticos das persoas que se relacionen coa Administración municipal, e tamén a difundir o valor da nosa lingua e o respecto a esta "como sinal de identidade de excepcional valor nun mundo globalizado". Para isto, o Concello continuará a dedicar "recursos e esforzos a iniciativas que sitúen o galego á mesma altura que calquera outra lingua nos ámbitos culturais, sociais, económicos, formativos, tecnolóxicos..." e a implicar a "outras institucións e entidades que compartan estes obxectivos" así como á sociedade compostelá.

Día Mundial do Lupus

O Pleno municipal tamén aprobou por unanimidade unha declaración institucional con motivo do Día do Lupus na que se amosa "o apoio e o recoñecemento cara ás persoas con lupus, ás súas familias e ás asociacións de pacientes que diariamente traballan para a creación dunha clara conciencia social da enfermidade, dirixindo as súas actuacións cara ao diagnóstico precoz e o tratamento desde o enfoque terapéutico e multidisciplinar".

Así mesmo, demandarán "que se leven a cabo as accións pertinentes e se destinen os recursos necesarios para dar resposta a estes retos e paliar a situación de especial vulnerabilidade, así como garantir, con equidade, os dereitos das persoas con lupus e as súas familias, coa consciencia de que para unha enfermidade crónica para a que non existe cura, como esta e moitas outras, a investigación e o acceso á innovación é vital".

O Día Mundial do Lupus, este ano baixo a lema "Non deixes que o lupus gañe: rebélate contra o lupus", pretende dar visibilidade a esta enfermidade autoinmune crónica que afecta a 5 millóns de persoas en todo o mundo e a súa prevalencia ascende a 210 casos por cada 100.000 habitantes en España. A pesar destas elevadas cifras, preto do 60% das persoas non saben en que consiste o lupus ou tan só coñecen o nome da enfermidade, o que a converte nunha enfermidade invisible para a poboación en xeral, menos para quen a padece. Son especialmente mulleres as afectadas, xa que representan o 90% dos casos de lupus desenvolvendo a enfermidade entre os 15 e os 55 anos.

Outros asuntos

O conxunto da Corporación municipal tamén deu luz verde á aprobación dun expediente de suplemento de crédito por importe 20.000 euros, financiado con baixas por anulación, e á modificación de subvención nominativa que permitirá apoiar o Campionato de España Cadete Feminino organizada pola Federación Galega de Baloncesto.

Ademais, acordouse de xeito unánime a aprobación definitiva do estudo de detalle para a accesibilidade de dous edificios de vivendas situados na travesa da Choupana, números 3 e 4.

Tamén saíron aprobadas por unanimidade unha proposición presentada polo grupo municipal do PP para o posicionamento empresarial de Santiago de Compostela no mundo lusófono como capital alternativa a Lisboa, e outras dúas presentadas polo grupo municipal socialista para favorecer a democratización na toma de decisión e posta en marcha dos acordos plenarios e para a posta en marcha dun programa de patios inclusivos nos CEIPS do Concello de Santiago.

Ademais, o Pleno aprobou por unanimidade varias mocións presentadas polos grupos municipais: tres presentadas polo PP para a elaboración dun plan que permita o acceso ao patrimonio relixioso da cidade menos coñecido, para dotar máis recursos económicos e velar polo cumprimento da lei de benestar animal no Refuxio de Bando e unha terceira para o acondicionamento xeral do cemiterio de Boisaca, sinalización e numeración dos nichos, reparación dos pasos interiores e posta en valor do patrimonio funerario. O grupo municipal socialista tamén presentou unha proposición en relación coa mellora das instalacións do Refuxio de Bando que foi aprobada por unanimidade.

Compartir: