PROMOCIÓN ECONÓMICA

A edición de primavera do Concurso de Escaparatismo conta con 32 comercios inscritos

22/05/2007 Un total de 32 estabelecementos comerciais inscribíronse na edición de primavera do IV Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping 2007, fronte aos 30 da tempada de primavera do ano 2006. O prazo de presentación rematou o 21 de maio.

Organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio, o obxectivo deste certame é contribuir a dinamizar os comercios incentivando a súa capacidade creativa, emprendedora e imaxinativa. Entre os comercios participantes predominan os de textil e confección, moda infantil, xoierías e decoración. A lista tamén inclue tendas de deportes, alimentación e antigüidades, xogueterías, floristerías, etc.

O IV Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping, que conta cun orzamento de 46.000 euros, consta de catro edicións, que coinciden coas catro grandes tempadas comerciais: primavera, verán, outono e Nadal, con tres premios en cada unha delas e un gañador final. Está dirixido a todos os establecementos comerciais da cidade. A finalidade do concurso é incentivar aos comerciantes a ofrecer unha imaxe comercial coidada e orixinal do estabelecemento, xa que na decisión do xurado prima tanto o escaparate coma o interior do comercio.

Os premios consisten en investimentos en promocións publicitarias e nun trofeo, a maiores, para o gañador anual. A publicidade contempla campañas nos medios de comunicación locais: televisión, prensa escrita e radio. O certame, que naceu no ano 2004, enmárcase no Plan de Excelencia Comercial dentro da liña Plan de dinamización e promoción económica e baixo a marca Compostela, capital de compras, coa que se pretende dinamizar o sector comercial e asentar a posición do comercio compostelán como referencia para a comarca e para a euro-rexión Galicia-Norte de Portugal. Está previsto que os premiados se coñezan en xuño.

En cada unha das catro edicións haberá tres premiados e ao final do ano nomearase a un gañador final entre os establecementos que manteñan unha maior continuidade na súa imaxe ao longo das catro edicións. Os premiados no ano 2006 na tempada de primavera foron, por esta orde, Sombrerería Iglesias, Mamá pata e Canalé, mentras que o gañador final foi Andrómenas.

Compartir: