ALCALDÍA

Goretti Sanmartín participa na reunión do Comité de coordinación aeroportuaria de Galicia

16/04/2024 O Concello de Santiago solicitou a elaboración dun plan estratéxico para os aeroportos galegos para o periodo 2024-2028.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asistiu o pasado luns á reunión do Comité de coordinación aeroportuaria de Galicia, que tivo lugar no aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro, e na que tamén participaron representantes do Ministerio de Transportes, AENA, entre os que estaban os directores dos aeroportos galegos, a Xunta, os concellos da Coruña e Vigo, a Cámara de Comercio, o Cluster de Turismo e a Confederación de Empresarios.

Con esta reunión plásmase o acordo do pleno municipal, que na súa sesión do pasado 29 de febreiro aprobou por unanimidade solicitar unha reunión do Comité co obxectivo de "canalizar as actuacións relacionadas coa promoción do transporte aéreo, no ámbito das súas competencias, e promover a accións que sexan necesarias para o fortalecemento da conectividade aérea mediante o establecemento e promoción de novas rutas aéreas, internacionais e nacionais".

Neste contexto, Goretti Sanmartín solicitou a elaboración dun Plan estratéxico dos aeroportos galegos para o periodo 2024-2028, que tivese en conta a singularidade da situación galega, definida por tres aeroportos próximos e a competencia de Porto. O obxectivo deste Plan Estratéxico sería definir as estratexias concretas para conseguir un crecemento coordinado do tráfico nos tres aeroportos galegos.

Seguindo esta liña, a alcaldesa solicitou unha implicación económica por parte da Xunta, en tanto que responsable tanto da política de mobilidade e transportes do país como da súa política turística, na captación de novas rutas internacionais para os aeroportos galegos seguindo os criterios definidos no Plan Estratéxico.
Respecto de AENA, en tanto que responsable das infraestruturas, solicitoulle un esforzo na captación de novas rutas para os aeroportos galegos seguindo tamén os criterios do Plan Estratéxico.

Cabe destacar que no primeiro trimestre o Rosalía de Castro continúa cuns datos positivos, pese a que no 2023 xa se conseguiu o máximo histórico de pasaxeiras e pasaxeiros, superando por primeira vez a barreira dos tres millóns e medio. Así, de xaneiro a marzo o aeroporto suma xa 660.413, cun crecemento dun punto porcentual respecto do primeiro trimestre do ano pasado.

Compartir: