EDUCACIÓN

Continúa a desenvolverse o Programa de educación viaria "¿Onde está o perigo?"

22/05/2007 Durante o mes de maio segue a desenvolverse o calendario de visitas didácticas incluídas no Programa municipal de educación viaria e na autoprotección "¿Onde está o perigo?". A iniciativa pretende incorporar aos máis novos hábitos cívicos e de seguridade, e ensinarlles como actuar ante situacións de perigo.

Con este fin, organizáronse diversas visitas didácticas ás dependencias da Policía Municipal ou ao Parque de Bombeiros. Os colexios da Salle, do CEE A Barcia ou de San Xosé de Cluny serán os protagonistas nas visitas dos días 23, 24 e 25 de maio.

Na visita á Policía Local, os rapaces coñecen o funcionamento deste servizo público municipal, aproxímanse aos dereitos e deberes de cidadanía e aprenden a apreciar os valores e normas básicas presentes na convivencia na cidade, fomentado actitudes de respecto e colaboración. No Parque de Bombeiros, os visitantes adquiren consciencia dos posibles perigos no contorno habitual e adquiren nocións básicas sobre a prevención e a autoprotección diante de situacións de risco.

Compartir: