XUVENTUDE

A Concellaría de Xuventude mellora a insonorización e adquire novo material para os locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga

11/04/2024 O Departamento de Xuventude vén de afrontar melloras no Centro Xove da Almáciga, atendendo as demandas trasladadas polas bandas que utilizan os locais de ensaio. A concelleira María Rozas visitou o centro para facerlles entrega dun lote de diverso material que viña sendo reclamado polos grupos, e para explicar as actuacións que se levaron a cabo para reforzar a insonorización das diferentes salas. Ademais, avanzou que o orzamento municipal de 2024 contempla unha partida para adquisición de novos instrumentos pra o seu préstamo.

A concelleira de Dereitos Sociais, Promoción Económica e Xuventude mantivo un encontro coas persoas usuarias do Centro Xove da Almáciga, para dar conta do cumprimento dalgúns dos compromisos que adquirira nunha anterior reunión celebrada a finais de outubro. Naquela xuntanza, as principais demandas das bandas que empregan os locais de ensaio, 30 na actualidade, tiñan que ver coa súa insonorización e coa escaseza de determinado material. No que tén que ver coa primeira petición, María Rozas explicou que se acometeron obras para mellorar o illamento, que se van complementar nas próximas semanas con outras actuacións menores.

En canto ao material, adquiríronse teclados, altofalantes, soportes para instrumentos, xogos de pugas, afinadores de guitarra, xogos de cordas, correas, baterías recargables, protectores auditivos, ou baquetas. Ademais, María Rozas explicou que os orzamentos municipais de 2024 contemplan unha partida de case 50.000 euros para a adquisición de máis instrumentos e material para poñer en marcha un punto de préstamo, previsiblemente cara o verán, ao que poderán acceder as bandas que utilizan os locais de ensaio.

A concelleira de Xuventude aproveitou a visita para dar conta do resultado dos Orzamentos Participativos, "no que resultaron seleccionadas varias propostas de contido musical nas que queremos contar coa participación das bandas do Centro Xove, que tivo xa unha implicación activa no proceso".

Compartir: