PARQUES E XARDÍNS

O CIPX do Parque de Belvís acolle un curso de iniciación á horta ecolóxica

09/04/2024 O Curso de iniciación á horta ecolóxica foi impartido por Enrique Banet, presidente da Fundación Galicia Verde, o pasado 5 de abril no CIPX (Centro de Información dos Parques e Xardíns) do Parque de Belvís. Trátase dunha formación impulsada polo Concello de Santiago a través do seu Servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e arboredo dirixida á cidadanía.

Impartido polo presidente da Fundación Galicia Verde, Enrique Benet, as persoas asistentes a este curso pudieron adquirir novos coñecementos sobre o cultivo da terra, a preparación de bancais e captación da auga ou a plantación.

Esta actividade forma parte do programa municipal de actividades, educación e sensibilización ambiental realizadas no CIPX (Centro de Información dos Parques e Xardíns de Compostela) e impulsadas polo Concello de Santiago co obxectivo de contribuír á concienciación cidadá sobre a importancia do respecto ás zonas verdes e os beneficios que aporta a xestión sostible destas.

Durante o actual curso escolar tamén se está a desenvolver unha actividade dirixida ao alumnado de educación primaria dos centros educativos da cidade baixo o título 'Da árbore ao bosque'. A través desta iniciativa, a aula fai unha visita a unha carballeira urbana para coñecer de preto o funcionamento deste ecosistema a través da observación dos elementos que o conforman.

Compartir: