IGUALDADE

Minuto de silencio pola última vítima mortal de violencia vicaria

09/04/2024 A praza do Obradoiro acolleu este mediodía un minuto de silencio polo menor asasinado en Girona o pasado 3 de abril, vítima de violencia vicaria.

Membros da Corporación e persoal do Concello participaron neste acto, no que se gardou un minuto de silencio en recordo do menor asasinado. Volveu así darse cumprimento á moción aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación do 7 de setembro de 2015, que fixa accións de dó e solidariedade por cada asasinato machista.

A violencia vicaria é aquela que se exerce sobre a muller co fin de causarlle o máximo dano psicolóxico e padecemento a través de terceiras persoas, chegando ao seu grao máis elevado de crueldade co asasinato desas personas (fillos e fillas, nai, pai, parella actual...).

A violencia de xénero é a expresión máis extrema da desigualdade social que sofren as mulleres, e estes asasinatos prodúcense porque a violencia segue sendo utilizada como un mecanismo de control e dominación das mulleres. O Goberno municipal e o conxunto da Corporación condenan firmemente a violencia de xénero, e queren amosar a súa máxima solidariedade coas familias de todas as mulleres asasinadas.

Compartir: