ALCALDÍA

O Concello aprobará unha nova Relación de Postos de Traballo co obxectivo de axilizar os procedementos administrativos

05/04/2024 Coa nova RPT crearase unha sección especializada na xestión do gasto con catro unidades que permitirá aos departamentos municipais liberarse das tarefas de tramitación de gasto nas que non son especialistas para favorecer a rapidez e a axilidade no Concello. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, deu conta desta medida e doutros avances no marco do proceso de reforma para mellorar o funcionamento da administración.

A alcaldesa anunciou que a nova Relación de Postos de Traballo será aprobada proximamente, tras as consultas levadas a cabo coas direccións de área do Concello "e nos próximos días cos representantes sindicais". Goretti Sanmartín salientou a necesidade de actualizar e formalizar este documento que non se revisou "desde hai máis dunha década" co obxectivo de que "recolla e sitúe todos os postos municipais e sirva á vez, de base para unha política de persoal máis consistente" e matizou que será "un punto de partida e non de chegada" xa que "irá mellorándose de maneira paulatina".

Segundo explicou a rexedora, a nova RPT recollerá o cadro de persoal actual aprobado en 2023 e as modificacións que se acaban de aprobar cos orzamentos, entre as que se atopan novos postos por estabilización, a transformación de postos e a equiparación de niveis e retributiva en postos do mesmo tipo.
Goretti Sanmartín fixo fincapé na creación dunha sección especializada na xestión do gasto, con catro unidades con 12 postos asignados co obxectivo de "remodelar como se tramitan os expedientes e a xestión do gasto" que neste momento "está distribuída nos máis de 50 departamentos, os chamados centros xestores". Esta medida permitirá "unificar e centralizar procesos" para que poida haber "un maior control e un criterio de rapidez e axilidade" xa que permitirá "liberar aos departamentos de xestión na que non son especialistas".

A rexedora amosouse confiada no impacto positivo desta nova organización "a curto pero sobre todo a medio prazo" e recordou que con estes avances, o Concello pretende "axilizar a tramitación de todo tipo de expedientes, adecuar os procesos de contratación ás necesidades en canto a prazos, eliminación de contratos en precario, maior eficiencia...; executar convenientemente os orzamentos e reducir o período de pagamento".

Outra das medidas detalladas pola alcaldesa para acadar estes obxectivos foi a recente constitución da comisión de simplificación administrativa, "que está a traballar coa participación de todo o persoal directivo".

Compartir: