TURISMO

Turismo de Santiago participa na III Xornada de conectividade aérea TURESPAÑA-AENA

04/04/2024 Turismo de Santiago acude regularmente a esta xornada, deseñada específicamente para os destinos turísticos.

Turismo de Santiago participa este catro de abril, na cidade das Palmas de Gran Canria, na III Xornada de Conectividade Aérea, organizada conxuntamente por Turespaña e Aena. A xornada diríxese exclusivamente a destinos turísticos, co obxectivo de fomentar o desenvolvemento da conectividade aérea internacional e coordinar as mensaxes fundamentais de forma unificada e eficaz.

A xornada inclúe diferentes presentacións e mesas redondas de debate con temas de gran interese tanto para coñecer a situación actual e as previsións do mercado aérea como para entender o modo de funcionamento das compañías aéreas e cales son os criterios que seguen para abrir novas rutas e mesmo novas bases nun destino.

Por exemplo, a xornada comezou cunha mesa sobre a "Situación do Sector Aéreo", no que interveñen representantes de Turespaña, IATA, AENA e ALA. A continuación seguíu a presentación "Estabelecemento dunha nova base de operacións por parte das aeroliñas", unha temática de moito interese para Santiago de Csompostela, que actualmente conta con bases de Ryanair e Vueling.
Na xornada tamén houbo unha interesante "Mesa de Aeroliñas", onde diferentes representantes de compañías aéreas reflexionaron sobre "Oportunidades de desenvolvemento da conectividade aérea e elementos chave necesarios nos destinos para lograr a súa consecución".

Ademais, Turismo de Santigo tivo a oportunidade de manter contactos directos con profesionais do sector e de diferentes compañías nas actividades de networking que se organizaron dentro da Xornada. Con esta acción, Turismo de Santiago continúa co seu traballo de promoción do aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro como vía de chegada a Compostela.

Compartir: