LINGUA

O mes de abril chega ao Espazo Apego con novas actividades e sorpresas

01/04/2024 A proposta de actividades do mes de abril no Espazo Apego xa está dispoñible dende hoxe ambientada, nesta ocasión, no mes dos libros. Todas as actividades propostas desenvólvense con inscrición previa cubrindo cadanseu formulario. O día anterior á actividade, sobre as 12 h. recibirase un correo coa confirmación da praza, xusto despois de rematar o prazo de inscrición.

Os luns de abril será o tempo do espectáculo ‘A lingua medra’: os diferentes contextos da vida teñen o seu espazo cada luns arredor do xogo, da experimentación, do coñecemento… Cada semana o enfoque será diferente: cociñarase no espazo Merendolas; a psicomotricidade será a guía en Movéndonos con Apego; recibiranse especialistas en Quen vén?; e a ciencia será a protagonista en Experimentamos. De 17 a 19 h para 2-6 anos. O correo de confirmación da praza neste caso recibirase o venres previo á actividade, ao rematar o prazo de inscrición.

A lingua medra
Luns / 17 h / Espazo Apego
Luns 8. Merendolas
Luns 15. Movéndonos con Apego
Luns 22. Quen vén?
Luns 29. Experimentamos

Os martes estarán reservados para as ‘Tardes de contos, un tempo para entrar nos contos e imaxinar a partir deles, aprendendo cada vez máis palabras para entender o mundo. As actividades desenvólvense cada semana arredor dun centro de interese diferente, arredor dunha temática mensual e en dous horarios: de 17 a 18 h para 0-3 anos e de 18.15 a 19.15 para 3 a 6 anos. Este mes toca igualdade.

Tardes de contos
Martes 2, 9, 16, 23 e 30 / 17 e 18.15 h / Espazo Apego

Os mércores desenvolverase a actividade ‘Enredando e lingoreteando’, un espazo de entretemento activo arredor do xogo, libre ou guiado. A socialización en galego é o obxectivo e a imaxinación e os valores da amizade e a cooperación serán as ferramentas. A actividade contará con dous grupos diferenciados: para 3-6, sen acompañamento dunha persoa titora, e para 0-3 con acompañamento. Nos dous casos o horario será de 17 a 19 h. Iranse incorporando temas e materiais relacionados coas festividades, o medio natural, a contorna inmediata etc., para propiciar a interacción.

Enredando e lingoretando
Mércores / 17 h / Espazo Apego
Mércores 3. Xogamos coas palabras
Mércores 10. Fabricamos xoguetes
Mércores 17. Imos ao patio
Mércores 24. Xincana de palabras

Contacontos

Un xoves cada quince días haberá un espectáculo con temática variada. Nesta ocasión, o xoves 4 será o turno de Tralará. Marta Ortiz xunta contos, cantigas e obxectos e lévaos con moito ritmo ao Espazo Apego. Contos de antes e de agora, cun pé para adiante e outro para atrás, bailando entre a tradición e a actualidade.

O xoves 18 o Espazo Apego acollerá ‘O lobo feliz’ de Miguel Guido, un contacontos con música e moito humor, baseado no libro do mesmo nome e contado polo seu autor.

Tralará de Marta Ortiz (0-4 anos)
Xoves 4 / 18 h / Espazo Apego

O lobo feliz de Miguel Guido (+3 anos)
Xoves 18 / 18 h / Espazo Apego

Compartir: