REFUXIO

I Festival do Refuxio de Animais: unha chamada á responsabilidade

18/05/2007 A Asociación Abeiro organiza o I Festival do Refuxio de Animais, un evento solidario que pretende servir de axuda a esta entidade e chamar a atención sobre a lacra do abandono de animais. Será o sábado 19 de maio, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia.

O Festival será presentado por Xurxo Souto e contará coa actuación de Ruxe-Ruxe. Proxectarase un vídeo no que se reflicte a situación dos animais e se fomenta a adopción, e haberá unha sesión de contacontos a cargo de Anxo Moure. Tamén se completará o espectáculo, dunha dúas horas de duración, cunha exhibición de capoeira.

O prezo da entrada é de 10 euros para o público en xeral e de cinco para estudantes, xubilados e desempregados. Os billetes pódense mercar anticipadamente no Refuxio de Animais de Bando ou en asociacionabeiro@gmail.com. Todos os implicados neste festival achegan a súa colaboración de balde.

Tal como apuntou Susana Romero, da asociación Abeiro, "ademais do traballo do voluntariado, son necesarias outro tipo de iniciativas que sirvan para diminuír o abandono e o maltrato aos animais". Pola súa parte, o presentador do evento, Xurxo Souto, apuntou que "a dignidade das persoas comeza pola dignidade coa natureza". Nese sentido, indicou que "os animais recórdannos o ciclo da vida e non deben ser os seres nos que proxectemos as nosas frustracións". Tamén estiveron na presentación o concelleiro de Cultura, Néstor Rego e a concelleira de Sanidade, Elvira Cienfuegos.

Compartir: