CAPITAL CULTURAL

‘Bailador’, a danza tradicional galega en linguaxe contemporánea

27/02/2024 A compañía de danza de Óscar Cobos constrúe un espectáculo con música de Berrogüeto para render homenaxe ao papel das mulleres na preservación das formas tradicionais do baile galego. A actuación terá lugar no Auditorio de Galicia este xoves ás 20.30 horas e aínda hai entradas dispoñibles no despacho de billetes da Zona C e na web de Compostela Cultura

O Auditorio de Galicia pecha a programación escénica do mes de febreiro este xoves 29 con ‘Bailador’, unha peza coreográfica da Óscar Cobos Compañía de Danza a cabalo entre a tradición e a contemporaneidade. Nela, a música e o baile de raíces galegas dialogan con novas linguaxes do movemento para artellar unha dobre homenaxe: por unha banda, a danza agroma da música de Berrogüeto e enche de corporeidade o legado dun grupo que transformou o xeito de facer e entender o son do país; pola outra, a obra reivindica o papel das mulleres na preservación das formas tradicionais de baile en Galicia e, a través delas, do patrimonio e da sabedoría popular.

"Nós somos porque elas están, e non ao revés", afirman dende a compañía para recoñecer a pegada de mulleres que, malia o temor a se ver rexeitadas nos seus círculos máis próximos por "levar o baile", foron quen de perpetuar formas danzadas que chegaron até nós. Para pór en escena esta herdanza e facer corpo con elas, a peza reúne nove bailadoras de longa traxectoria nas agrupacións e asociación folclóricas do país. Ruth Pérez, Nerea Fouz, Rebeca Tallón, Nuria Gesteira, Marta Mosquera, Uxía Portela, Cristina Canosa, Eva Diago e Lorena Toimil marcan o paso neste espectáculo que busca botar por terra o falso e estendido mantra de que "o baile o fai o home" e profundar na loita pola equidade e igualdade efectiva entre os xéneros na danza galega.

Dirixida por Óscar Cobos, e con Jaime Pablo Díaz na dirección artística, Iván Villar na axudantía de dirección e Carolina Díguele e Isabel O’Connor ao cargo do vestiario e a escenografía, a peza forma parte do Foco NeoTrad de Compostela Cultura, un ciclo que pon de relevo e manifesto creacións que parten do tradicional para construír propostas novas que se encadran na danza contemporánea, e visibiliza as persoas e equipos que as fan posibles.

As entradas para ‘Bailador’, o xoves 29 de febreiro ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia, poden ser adquiridas (a un prezo de 10 euros co 50% de desconto para os colectivos habituais) na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberta de martes a sábado en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no despacho de billetes do Auditorio de Galicia (só o día do evento dende unha hora antes do seu comezo).

Compartir: