LINGUA

Aberto o prazo para inscribirse na quenda de primavera de dous obradoiros de acollemento lingüístico

27/02/2024 O próximo 18 de marzo comeza unha nova quenda dos obradoiros de acollemento lingüístico organizados polo Departamento de Lingua do Concello de Santiago. Esta actividade de formación presencial en lingua e cultura galegas está dirixida á veciñanza procedente doutras comunidades lingüísticas e vaise desenvolver nas dependencias do Espazo Apego (rúa República do Salvador, 12) todos os luns e mércores ata o 17 de xuño. O prazo para inscribirse está aberto ata o 13 de marzo.

Os obradoiros de acollemento lingüístico son cursos presenciais para achegarse por primeira vez á lingua e comezar a desenvolver as destrezas básicas de comprensión e produción oral e escrita. Os cursos contan cun total de 36 horas de carácter presencial divididas en 24 sesións de hora e media. Ademais realizaranse diferentes actividades fóra da aula.

Na anterior quenda dos obradoiros de acollemento iniciouse un nivel continuación, pensado para persoas que realizasen anteriormente algunha outra actividade de formación inicial ou que por outras circunstancias posúan xa un nivel básico de comprensión e produción oral e escrita en galego. Esta proposta de continuación é a que se vai realizar desta volta en horario de tarde, de 20:00 a 21:30 horas. No horario de mañá, de 11:00 a 12:30 horas, desenvolverase o habitual obradoiro de iniciación.

As persoas interesadas poden obter máis información na páxina delingua.santiagodecompostela.gal; chamando ao número 981 542 409 ou contactando co Departamento de Lingua Galega municipal a través do correo electrónico dlg@santiagodecompostela.gal. A inscrición é gratuíta e realízase enchendo un formulario para o nivel iniciación (mañás) ou para o nivel continuación (tardes) que se atopa en liña dispoñible na dita web do Departamento de Lingua. O prazo de inscrición remata o mércores 13 de marzo.

Direccións relacionadas



Compartir: