CAPITAL CULTURAL

O Festival Rosalía enche a Praza de Mazarelos para celebrar o 187º aniversario do nacemento da escritora

24/02/2024 Grande éxito de afluencia nas actividades do festival, organizado pola Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela. Poesía, escena, música, artesanía e narración oral inspiradas na figura de Rosalía para celebrar a potencia creadora na nosa lingua.

As rúas de Compostela enchéronse o pasado venres 23 e sábado 24 para celebrar o 187º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. A Área de Lingua da Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, organizaron a sexta edición do Festival Rosalía, baixo o lema Un grande atrevemento, que reuniu poesía, escena, música, artesanía e narración oral ao redor da figura da nosa poeta máis senlleira para celebrar a potencia creadora na nosa lingua.

Como "un referente", "unha figura consciente" e "unha verdadeira revolución" definiron á insigne escritora galega a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín na apertura deste festival, convidando ao público a asistir á quincena de actividades conformaron a programación desta sexta edición do Festival Rosalía.

Un amplo programa con propostas para todos os públicos, desde obradoiros de maquillaxe rosaliana e contacontos para os e as máis pequenas da casa até un concerto de fin de festa coa presentación oficial do novo traballo de Loita Amada. Sen dúbida, foi un éxito o Quizz rosaliano con grande participación do público que ansiaba demostrar os seus coñecementos sobre a nosa autora referente.

Este festival non só buscaba celebrar a figura de Rosalía como referente para a cultura, para a lingua galega e para o feminismo, senón tamén pór en valor a diversidade e a calidade da creación artística en galego. Boa mostra disto foi a estrea do proxecto multidisciplinar Indóciles. Luisa Villalta a escena de man da narradora oral Vero Rilo, da música Mónica de Nut e da poeta e resitadora Nuria Vilán Prado (coñecida artisticamente como Nuria Vil), que presentaron o seu novo proxecto ante unha ateigada praza.

Éxito de afluencia no Festival Rosalía

Dúas xornadas de intensa actividade que, pese á choiva, conseguiron concentrar a centos de persoas na céntrica Praza de Mazarelos, para mercar nos 5 postos de inspiración rosaliana que conformaron a feira de artesanía. E tamén asistir aos máis de 15 espectáculos do programa desta edición co punto de mira na creación contemporánea ao redor da poesía, da música e das letras. Actividades que deron boa mostra de que a imaxe de Rosalía continúa a enriquecerse a medida que medra a nosa cultura.

Compartir: