MOBILIDADE E CONVIVENCIA

O 15 de marzo ábrese o prazo para renovar as tarxetas de acceso á cidade histórica

23/02/2024 Dende o 15 de marzo e ata o 30 de abril, a Concellaría de Mobilidade e Convivencia abrirá un prazo excepcional para solicitar a renovación de tarxetas ou distintivos de paso e parada para o acceso á cidade histórica que estean caducadas. O prazo de vixencia destes distintivos é de dous anos, polo que todos aqueles concedidos no ano 2022 e anteriores xa caducaron ou caducarán ao longo deste 2024.

Todas as persoas que conten con tarxetas ou distintivos de paso e parada para accede á zona histórica que estean caducados, poderán solicitar a súa renovación entre o 15 de marzo e o 30 de abril. A vixencia destas tarxetas é de dous anos, polo que transcorrido este prazo é preciso renovalas.

Os distintivos de paso e parada permiten aos vehículos autorizados o acceso á cidade histórica por calquera causa, salvo carga e descarga, nos horarios establecidos. Existen tres modalidades: titulares ou alugueiros de inmobles no casco histórico, titulares de establecementos mercantís e por razóns familiares.

Regular o acceso á cidade histórica

O concelleiro de Mobilidade e Convivencia indicou que, ademais de que a renovación das tarxetas cada dous anos é unha obriga recollida na ordenanza, "o obxectivo é actualizar o censo destas autorizacións de paso e parada, coincidindo coa próxima entrada en funcionamento dos bolardos de acceso á cidade histórica instalados no marco do proxecto Smartiago". Nas últimas semanas, acometéronse as reparacións precisas nestes bolardos "que foron instalados en 2022 pero que non chegaron a estar operativos por problemas na conexión entre o seu software e as bases de datos da Policía Local". Xan Duro apuntou que "ese problema está solventado, os bolardos entrarán en funcionamento proximamente, e serán un elemento fundamental para garantir o cumprimento dos requisitos da Zona de Baixas Emisións da cidade histórica". Na actualidade, hai máis de 1.500 tarxetas de paso e parada na zona histórica, e tal e como apuntou o concelleiro, "é preciso actualizar estas autorizacións"

Solicitude de renovación

Para a solicitude de renovación, as persoas interesadas deberán presentar na sede electrónica do Concello de Santiago a través do trámite 'Tarxeta de acceso á Cidade Histórica', o formulario correspondente (Modelo MO025) acompañado da documentación requirida en cada unha das modalidades.

As persoas titulares destas autorización estarán obrigadas a notificar ao Concello o cambio de vehículo ou calquera modificación producida nas condicións que, no seu momento, serviron de base para a súa concesión.

Compartir: