CAPITAL CULTURAL

Compostela celebra o día de Rosalía no 187 aniversario do seu nacemento

23/02/2024 O 23 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro en Santiago de Compostela e para conmemorar o 187 aniversario dese nacemento celebrouse un ano máis o día da autora galega máis internacional. No marco desta efeméride, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartínn, e a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, asistiron á ofrenda floral organizada pola Fundación Rosalía de Castro na praza de Vigo, lugar onde naceu a poeta. O programa de actividades continuará esta tarde e mañá co Festival Rosalía que se desenvolverá na praza de Mazarelos.

Na súa intervención, a alcaldesa de Santiago destacou que o 23 de febreiro "é un día grande" porque supón a "celebración dunha muller especial, rebelde, transgresora e con conciencia ecoloxista e feminista" que "reinvindicou a nosa lingua e a nosa cultura" e que é esencial "para a cultura galega e para a cultura de Santiago". Goretti Sanmartín , que convidou a todo o mundo a ler os libros da poeta e a asistir ás actividades do Festival Rosalía, pechou o seu discurso recitando os versos cos que a poeta comeza 'Follas Novas', que para a rexedora constitúen un "legado para o feminismo":

Daquelas que cantan as pombas i as frores,
todos din que teñen alma de muller.
Pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma,
¡ai!, ¿de qué a teréi?


Ademais da ofrenda floral, un grupo de alumnado dos colexios Quiroga Palacios recitaron varios poemas da escritora durante o acto, no que tamén participaron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; o presidente da Asociación de Veciños Raigame, Xosé Manuel Durán; o alcalde de Padrón, Anxo Rei; o presidente da Xunta; Alfonso Rueda, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, a deputada provincial de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e varios membros da Corporación municipal.

No marco desta xornada, a rexedora tamén participou no Hostal dos Reis Católicos na ofrenda na pía bautismal onde se bautizou Rosalía en 1837, nun acto organizado pola Fundación Rosalía de Castro no que se leron poemas da autora e que foi amenizado pola música do grupo Carapaus, Faia e alumnado da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela.

Festival Rosalía

A praza de Mazarelos acollerá desde hoxe pola tarde e ata mañá, 24 de febreiro, a VI edición do Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración do Concello de Santiago. 'Un grande atrevemento' é o lema desta nova edición que conxugará poesía, escena, música, artesanía e narración oral para celebrar a potencia creadora na nosa lingua, ofrecendo unha quincena de actividades.

O Festival arrancará esta tarde ás 16:45 horas cun acto de inauguración no que participará a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e que tamén marcará a apertura da Feira de produtos con "marca Rosalía". Ás 17.30 horas será a quenda de 'Somos fíos, somos fontes, somos regatos pequenos', unha sesión de contacontos familiar da formación a Trastenda dos Contos e ás 19.00 horas, Isabel Risco e Fran Rei encarnarán a Rosalía de Castro e máis a Eduardo Pondal no seu espectáculo escénico 'Dúo vaguedades'. O programa de hoxe pecharase ás 20:30 horas con 'Indóciles', un proxecto multidicisplinar que reúne a cantante e compositora Mónica de Nut, a narradora oral Vero Rilo e a recitadora Nuria Vil para achegarlle ao público a obra de Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano.

Mañá, sábado, continuará o programa de actividades na praza de Mazarelos a partir das 12.00 h co espectáculo Ópera Break’s, ao que seguirá a Sesión Vermú da man de Luís Vallecillo, que actuará para o público familiar co seu espectáculo Cantamos con... Rosalía de Castro!

Xa pola tarde, o grupo Quinquilláns ofrecerá ás 16:30 horas un pasarrúas teatralizado que percorrerá a cidade nun circuíto circular e, ás 17.00 h, terá lugar 'Contos nunha roda', unha sesión de narración oral baseado en Rosalía de Castro e nos seus Cantares gallegos.

No programa da tarde tamén haberá un Quiz Rosaliano e a presentación do libro 'Intenso e solidario Feminismo' da investigadora Pilar García Negro. Ás 20.00 horas, Chan da Pólvora Editora reunirá no recital 'O atrevemento da voz nos versos' catro voces que fixeron da oralidade un instrumento de potencialidade poética: Rosalía Fernández Rial, Sol Mariño, Lúa Mosquetera e a xa amentada Nuria Vil. O Festival Rosalía despedirase ás 21.15 h coa actuación de Loita Amada, que presentará o seu traballo discográfico Rematou o simulacro.

Direccións relacionadas



Compartir: