CAPITAL CULTURAL

‘Noso’ e ‘Crisálida’ levan ao Teatro Principal as mobilizacións contra os parques eólicos e a defensa do pequeno comercio

22/02/2024 A última montaxe de Os Náufragos Teatro traslada o público a unha pequena aldea galega na que a veciñanza afronta a expropiación do ultramarinos-bar ‘Noso’ por mor da construción dun parque eólico. Ao abeiro do ciclo ‘En familia’, a peza ‘Crisálida’ de Caramuxo Teatro pon en valor os negocios tradicionais nun mundo cada vez máis globalizado.

A programación teatral de Compostela Cultura para esta fin de semana presenta dúas propostas de compañías galegas que achegan ás táboas cuestións sociais ligadas á realidade do país.

O venres, día 23 de febreiro, ás 20.30 horas, Os Náufragos Teatro chega ao Teatro Principal con Noso, unha dramedia arredor dos conflitos xerados nunha familia do rural galego á que expropian o ultramarinos-bar da súa propiedade para a construción dun parque eólico. A ameaza de desaparición dese espazo comunitario de gran relevancia na vida social da aldea serve de marco para a exploración das disputas interxeracionais que ocasiona e move á reflexión sobre o espazo de pertenza ao lugar onde vivimos.

Gustavo del Río dirixe esta peza que inclúe no elenco a Denis Gómez, María Roja, Rebeca Vecino, Jimmi Núñez e Sete Eiroa. Ao remate do pase, o equipo do espectáculo manterá un faladoiro co público como parte das sesións de posfunción, encontros abertos que Compostela Cultura programa para que as persoas interesadas poidan afondar nos traballos da súa temporada escénica.
As entradas para o espectáculo teñen un prezo de 12 euros (con descontos do 50% para diferentes colectivos) e poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no do Teatro Principal (o propio día da función dende unha hora antes do seu comezo).

A quenda para a representación de Crisálida, de Caramuxo Teatro, chegará o sábado, día 24 de febreiro, ás 18.30 horas. O Teatro Principal acollerá esta montaxe de máscaras para público familiar (a partir de 6 anos de idade) que pon en valor a importancia do comercio tradicional nun mundo globalizado e cada vez máis dixitalizado. Esta historia, inspirada nunha coñecida mercería da Coruña que vira en exemplo dun modelo de negocio en risco de desaparición, reivindica o carácter patrimonial deste tipo de establecementos "máis baseados nas relación humanas que no beneficio económico".

A obra chega aos escenarios no 20 aniversario da compañía, está dirixida pola multipremiada Olga Margallo (gañadora de varios premios Fetén e dun premio Max para espectáculos de público infantil) e conta cun elenco de intérpretes conformado por Laura Sarasola Pontón, Josito Porto, Juan Rodríguez e Anahí Taburelli, tras as máscaras deseñadas por Antía Ferrer.

As entradas para o espectáculo, teñen un prezo de 3 euros e poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberto de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no do Teatro Principal o propio día da función dende unha hora antes do seu comezo.

Compartir: