CAPITAL CULTURAL

María José Llergo presenta ‘Ultrabelleza’ no Auditorio de Galicia

21/02/2024 Con este concerto, a artista cordobesa leva ao escenario un traballo que aproxima o flamenco ao urbano e que lle valeu o Premio Ruído ao mellor álbum da escena musical española en 2023. As entradas para este evento, que terá lugar o sábado ás 20.30 horas na Sala Ángel Brage do Auditorio, poden ser adquiridas no despacho de billetes do recinto o propio día do concerto, e os días antes na web de Compostela Cultura e no despacho de billetes da Zona C.

Con ‘Ultrabelleza’, o seu segundo álbum tras o luminoso debut que teceu con ‘Sanación’, María José Llergo consolídase un lugar de seu na escena musical española e mesmo se abre camiño na internacional. Lonxe de se acomodar, a compositora e intérprete cordobesa aposta neste novo traballo pola exploración sonora e persoal, pola complexidade de matices nunha mestura que harmoniza o flamenco coa electrónica e o R&B e que serve de base a un relato que reivindica a liberdade e a beleza do diferente.

"Ultrabelleza é unha luz que nos percorre por dentro, que sae do noso peito e se proxecta sobre o mundo que nos rodea... iluminándoo. A ultrabeleza pode transformar o escuro en luz, o odio en amor... Porque ‘Non hai nada máis radical, que facer o ben’. Sobre todo nun mundo onde odiar está normalizado e amar libremente sae aínda, moi caro. Este disco é unha celebración da diversidade do mundo que nos rodea, que é o noso maior tesouro. Unha bendición a todo o que sufriu a exclusión dun sistema que maldí a quen se saia da súa cuadricula binaria", manifesta na presentación do disco.

Este traballo, que se presentará ao público de Compostela en concerto o próximo sábado, día 24 de febreiro, ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia, está a recibir múltiples recoñecementos tanto na contorna estatal como na internacional. Entre os máis recentes, destaca a inclusión de ‘Ultrabelleza’ nas listaxes dos mellores discos do ano en medios referenciais do eido musical como Pitchfork (na categoría de ‘Best Music By Latin and Spanish Artists’), NPR (que o inclúe na de Best Album 2023) ou Rolling Stone (Best Latin Album), así como o Premio Ruido a Mejor Álbum Nacional de 2023, que lle concedeu Periodistas Asociados Musicales (PAM), e que distinguiu a súa "instrumentación etérea e case minimalista onde se impón a voz como unha perfecta metáfora da liberdade":

En efecto, a aproximación intimista de M.J. Llergo neste traballo vertébrase nunha voz que non teme xogar e voar entre sonoridades, que busca fórmulas novas da man de colaboracións como as que mantén con Zahara, Martí Perarnau, George Moore ou Knox Brow, e que se rompe e se recupera á vontade na sucesión de pistas que conforman o álbum. Con estes vimes, María José Llergo constrúe, tal e como se recolle nos materias de difusión do traballo "un discurso apoderado dende a alegría dunha artista que transita por territorios vangardistas e sinfónicos sen renunciar ás súas raíces nun son único que foxe de clixés e etiquetas".

Para descubrilo en vivo, fican aínda entradas dispoñibles (a un prezo de 14 € con descontos do 50% para diferentes colectivos) que poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C (aberta de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no do Auditorio de Galicia (o propio día do concerto dende unha hora antes do seu comezo).

Direccións relacionadas



Compartir: