XUNTA DE GOBERNO

Do 20 ao 26 de febreiro estará aberto o prazo de inscrición no programa de conciliación de Semana Santa nos CEIP

19/02/2024 Mañá martes, 20 de febreiro, ábrese o prazo de inscrición e matrícula no "Programa municipal de conciliación de Semana Santa 2024" do Concello de Santiago, que terá lugar os días 25, 26 e 27 de marzo e o 1 de abril nas instalacións dos CEIP Quiroga Palacios e Monte dos Postes. O Concello ofertará un total de 150 prazas para participar nos obradoiros e actividades, outras 150 para o servizo de xantar e 60 para os máis madrugadores. A memoria do programa aprobouse hoxe en Xunta de Goberno.

Este servizo de conciliación no CEIP Quiroga Palacios e no CEIP Monte dos Postes é de balde, e está destinado a nenos e nenas empadroados no concello de Santiago ou que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria do noso municipio (entre o 2º Ciclo de Educación Infantil e o 3º Ciclo de Educación Primaria, ambos os dous inclusive), con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. O seu obxectivo é favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo aos menores participantes unha alternativa de lecer e tempo libre, desenvolvendo valores de cooperación, respecto e tolerancia.

A modalidade de participación das familias interesadas será completa, é dicir, teñen que inscribir aos menores os catro días que se oferta o servizo e non se admiten solicitudes para días soltos. O horario será de 9:00 h a 14:00 horas. O programa ofrece a posibilidade de que as familias poidan solicitar, ademais, un servizo de madrugadores con almorzo (de 7:45 h a 9:00 h) e un servizo de comedor (de 14:00 h a 16:00 h). En concreto, ofértanse 150 prazas para o servizo de comedor e 60 para o de madrugadores.

Das 150 prazas ofertadas, 15 reservaranse para nenos e nenas con informe do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Santiago de Compostela, e terán carácter de acceso directo ao programa. Para o desenvolvemento do programa é imprescindible que formalicen a correspondente matrícula un mínimo de 25 participantes diarios para as actividades que se desenvolverán entre as 09:00 h e as 14:00 horas. Para a prestación dos servizos de comedor e madrugadores é necesario un mínimo de 10 participantes diarios.

Os prezos completos (con almorzo, xantar e actividades) para os catro días é de 48 euros, 42 euros para a modalidade de actividades con xantar, 30 para a que inclúe só o servizo de almorzo e 24 para a rapazada que só asista ás actividades. Co obxecto de favorecer a participación das persoas usuarias con escasos recursos, establécense unhas reducións do 50% dos prezos ordinarios en todas as modalidades.

Solicitude de prazas

O prazo de solicitude das prazas está aberto desde mañá, 20 de febreiro, ata o vindeiro luns, día 26.

As solicitudes poderán presentarse a través da sede electrónica (trámite "Inscrición nos programas de conciliación do Departamento de Educación) ou de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende, 4) ou mediante calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Estas 150 prazas de conciliación súmanse ás 73 do "Programa de conciliación de Semana Santa 2024 no Espazo educativo e de lecer María Miramontes", destinado tamén a menores de entre 3 a 12 anos, ámbolos dous inclusive.

Compartir: